Morre unha muller de 81 anos nun atropelo en Melide e son xa tres os accidentes mortais en Galicia nas últimas horas

Produciuse ás 8,15 horas deste luns preto do lugar de Trasmundi.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2022 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Unha muller de 81 anos, con siglas C.V.V., perdeu a vida ao ser alcanzada por un vehículo en Melide (A Coruña). Un sinistro co que se elevan a tres os accidentes con vítimas mortais en Galicia nas últimas horas.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA.

O 112 Galicia informa de que tivo coñecemento deste sinistro na AC-840 e que, segundo relatou o propio condutor do turismo implicado no transcurso da súa chamada, o sinistro produciuse ás 8,15 horas deste luns preto do lugar de Trasmundi.

Segundo indica o 112, a confusión do momento, fixo dubidar ao implicado de se realmente era unha persoa quen acabara tendida na vía. Finalmente, os axentes da Policía Local puideron comprobar que se trataba dunha muller e que xa carecía de constantes vitais.

Ademais do persoal de seguridade, acudiron ao lugar profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Garda Civil de Tráfico.

Este é o terceiro accidente mortal que se rexistra en Galicia en poucas horas, tendo en conta que o 112 tamén informou dun condutor que faleceu ao encaixarse o seu coche contra un camión que estaba estacionado na PO-542, en Marcón (Pontevedra). O sinistro produciuse sobre as 2,00 horas deste luns.

O 112 tamén informou do falecemento dun motorista que chocou contra un turismo na DP-0701, en Santiago de Compostela, nas últimas horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta