Estatuto para traballadores transfronteirizos, unha oportunidade ou unha vía de escape?

A pandemia fixo caer na conta da necesidade dun tratamento específico para traballadores e traballadoras que cruzan a fronteira entre Galicia e Portugal. O peche das fronteiras puxo límites ao libre tránsito de mercadorías e persoas. Actualmente España e Portugal están traballando nun estatuto que outorgue unhas prerrogativas específicas para persoas que vivan dun lado da fronteira mais traballen do outro.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/02/2022 | Actualizada ás 08:34

Comparte esta noticia

A restrición de movementos, incluído o transporte de mercadorías e desprazamentos ao lugar de traballo, chegou ao punto de establecer controis de acceso entre España e Portugal o 17 de marzo de 2020. As consecuencias obvias foron as perdas ocasionadas na interrupción temporal do fluxo de traballadores e traballadoras transfronteirizos ou a simple prohibición de saíren das súas casas. Este punto tivo entre outras consecuencias a necesidade de establecer un marco legal propio que regulase a figura do e da traballadora cun posto laboral ao outro lado da fronteira. O empresariado galego así como a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal esperan que os gobernos portugués e español teñan en breve un documento definitivo sobre esta cuestión. Pola súa banda, algunhas forzas sindicais temen que este sexa outro paso para a deslocalización de empresas cara a Portugal e a entrada en Galicia de profesionais con salarios máis baixos que os rexistrados ao norte do Miño.

Un vehículo diríxese á fronteira entre Portugal e Galicia, a 1 de maio de 2021. Europa Press
Un vehículo diríxese á fronteira entre Portugal e Galicia, a 1 de maio de 2021. Europa Press

APURAR O  PROCESO DE CREACIÓN DO ESTATUTO

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), asinaron o pasado 28 de xaneiro un acordo para  “potenciar, aumentar e fortalecer o desenvolvemento socioeconómico da rexión, a través de iniciativas conxuntas”. No marco desta reunión tamén se estableceu a necesidade de acelerar a aprobación dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo.  Segundo o Informe de Indicadores de Mobilidade Transfronteiriza da CEG, durante 2020 a contratación de traballadores portugueses en Galicia diminuira un 34%.

A propia CEG apunta que os sectores máis afectados polas restricións na fronteira son o “transporte e almacenamento e a construción, os sectores que en Galicia celebran máis contratos con traballadores transfronteirizos que residen en Portugal”. En sentido contrario “observamos que son a industria transformadora e as actividades administrativas e dos servizos de apoio”

“É un documento aínda en proceso de elaboración entre o Ministerio de Traballo e as autoridades de Portugal” di José Carlos Rodríguez, de UGT. “Realmente é un documento que regularizaría asuntos como Seguridade Social e contratacións”, con todo “é un documento que está sendo procesado polos dous gobernos, polo menos en UGT non o coñecemos aínda”. A Xunta de Galicia tamén mostrou o seu interese en que se acelerase a creación do estatuto para traballadores transfronteirizos. “Iso transmitiu o pasado 28 de xaneiro cando se asinou o acordo Eurorrexión-CEG.

“Polo que observamos, esta iniciativa ten que ver máis coa mobilidade de compañeiros e compañeiras vidos de Portugal e non tanto ao revés” di Francisco González Sío, da CIG. Para este representante sindical, a elaboración deste estatuto garda certas semellanzas coa creación dun ERE especial para situacións de pandemia, “pois agora queren un documento con premisas ou cortapisas para permitir o tránsito de traballadores dun lado a outro da fronteira”.

MOTIVOS E CONSECUENCIAS

As diferenzas legais en canto contratación laboral, seguridade social e fiscalidade entre os dous estados supoñen dificultades para o empresariado dun e doutro lado da fronteira. A CEG puntualiza que, aínda sen ter un coñecemento claro sobre o contido do documento final, “o que si queda claro son os obxectivos que se perseguen, facilitar o acceso á información e ao exercicio dos dereitos dos traballadores transfronteirizos, crear un grupo de traballo que contribúa á regulación dun estatuto dos traballadores transfronteirizos”.

“Para nós isto é un exercicio de cinismo enorme por parte de Goberno, Xunta, dos organismos europeos e CEG” sinala González Sío. A impresión é que se crea un estatuto mediante o cal os traballadores vidos de Portugal estarán baixo as condicións laborais do seu país durante dous anos en Galicia. “O xusto sería que estivesen baixo a lexislación laboral de aquí, cunhas condicións comparativamente mellores que as portuguesas”.

Coa reforma laboral en España perto de ser aprobada no Congreso, unha reforma en teoría feita para a “recuperación de dereitos laborais perdidos en 2010 e 2012”, a pregunta que xorde é, será este estatuto unha vía para abaratar custos ao empresariado galego? “Sempre que hai negociacións en busca de melloras salariais e laborais, a resposta é que Portugal está aí ao pé e se nos excedemos nas reivindicacións favorecemos a deslocalización”.

“Desde logo a intención do documento é facilitar os desprazamentos de traballadores e traballadoras dun lado a outro da fronteira” di José Carlos Rodríguez. “Entendo que non se fala de deslocalización, un tema que se deberá tratar no seu momento, sobre todo polos salarios e a burocracia máis reducida” remarca Rodríguez.

Estaríase falando dun “estatuto dos traballadores transfronteirizos”? “Realmente sería un control sobre a documentación necesaria dentro do fluxo de empregados e empregadas que atravesan a fronteira” apunta Rodríguez. En canto a sectores máis beneficiados logo da aprobación deste estatuto, Juan Carlos Rodríguez destaca “a construción, transportes, loxística e as actividades metalúrxicas”.

As visións sobre un estatuto para traballadores transfronteirizos difiren ante as posibilidades que se abren. Por unha parte se ben o empresariado podería ter oportunidades de mellorar en canto a relación produción-custos mediante hipotéticas deslocalizacións, tamén o factor lexislativo no ámbito laboral influiría ante uns salarios máis baixos en caso de contratar man de obra en Portugal destinada a Galicia. No caso galego, a conectividade co norte do país veciño podería mellorar notablemente segundo empresarios e algunhas fontes sindicais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta