Por X.M. Fernández | Verín | 04/02/2022 | Actualizada ás 09:00
O cartel ilustrador do Entroido 2022 de Verín foi presentado o pasado xoves, 3 de febreiro, na vila do Támega polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e polo autor da obra, o verinés Fernando Barreira.
Segundo explicou Fernando Barreira, con esta obra -realizada con tinta directa e utilizando papel fotográfico, cartolina e acuarela- búscase, a través das súas cores, recuperar o espírito festivo a alegre destas tradicionais festas tras un longo período de restricións derivadas da pandemia.
Pola súa banda, Gerardo Seoane quixo lembrar que "aínda que sabemos que este ano o Entroido non terá a intensidade que nos gustaría, con este cartel de primeiro nivel queremos demostrar que dende a organización farase un esforzo extra para manter toda a esencia, forza e alegría que o caracteriza".
O CARTEL
A obra gráfica conta con varias ilustracións onde aparecen reflectidas certas figuras que, no seu conxunto, representan a esencia do Entroido de Verín. O personaxe máis icónico do Entroido de Verín, o Cigarrón, non só non podía faltar senon que ocupa un lugar central na obra, pero tamén teñen especial relevancia o tradicional capuchón e, a modo de antagonista, a figura dunha moza disfrazada de geisha. Segundo Barreira, "ambas imaxes son a viva representación do noso Entroido; un máis tradicional e outro máis moderno, convivindo en harmonía". Completando o cartel atópase na parte superior un touro travestido, que nos lembra o carácter transgresor desta celebración; e un diaño, "que representa o espírito propio de burla e picaresca que se respira durante estes días de festa", destacou Barreira.
A obra gráfica conta con varias ilustracións onde aparecen reflectidas certas figuras que, no seu conxunto, representan a esencia do Entroido de Verín
Respecto aos dereitos de propiedade intelectual da obra, o autor anunciou que cede gratuitamente todos os dereitos de reprodución e os dereitos de transformación ao Concello de Verín, podendo este realizar as adaptacións que considere oportunas para promocionar as festas. A obra orixinal pasará a quedar exposta permanentemente nalgún dos espazos públicos da Casa Consistorial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.