Médicos de familia non descartan "unha nova variante" de covid que provoque unha sétima onda

Critican que non se producisen "máis filtros" nos colexios para conter a sexta onda da covid e que dispararon os contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

O colectivo de médicos xerais e de familia non descarta que se produza unha "sétima onda" de covid unha vez superada a sexta, á vez que constatan que España é dos países que acumula "máis ondas epidemiolóxicas".

"A sensación é que hai unha retención das mutacións, pero isto é descoñecido e non temos evidencia de que non poida existir e poida aparecer outra variante que nos pode levar a unha sétima onda", sinala o portavoz da Sociedade de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros.

O facultativo lucense remarca que "hai unha cousa a destacar e é que España é un dos países do mundo que máis ondas epidemiolóxicas tiveron en relación a outros países que tiveron menos crises epidémicas".

Armenteros xustificou que isto é así "porque interveñen diferentes factores culturais ou propios da nosa idiosincrasia". "Hai situacións como, por exemplo, o verán en que existiron unhas vacacións xeneralizadas e despois dunha época de restricións onde unha idade determinada, como foron os adolescentes e mozos, reuníanse ou ían de viaxe que ocasionou unha onda que non se esperaba", razoou.

O portavoz dos médicos xerais tamén aproveitou para lamentar que se tente "frivolizar" con que isto e se diga que é unha enfermidade "endémica, cando non é mellor, porque endémica é a malaria ou a tuberculose que causan moitos mortos".

Ao seu xuízo sería máis adecuado falar de "ter un control sobre a pandemia, e o control vén dado por que o virus tivese unha capacidade de mutación moito menor, que o número de vacinados sexa moi alto e que a capacidade de mortalidade sexa menor".

Lorenzo Armenteros indica que, para pasar a esa fase de endemia, "necesitaríanse dúas cousas que serían: atopar unha vacina esterilizante que diminúa a progresión e a transmisión da enfermidade e contar con antivirais de amplo espectro". "Se tivésemos estes dous complementos á vacinación masiva que se está facendo poderiamos empezar a falar que esta pandemia estaría controlada", opina.

Armenteros tamén se queixou de que non se producisen "máis filtros" nos colexios para conter a sexta onda da covid e que dispararon os contaxios.

Detección do coronavirus SARS-CoV-2, causante da covid-19, mediante PCR en tempo real (RT-PCR)
Detección do coronavirus SARS-CoV-2, causante da covid-19, mediante PCR en tempo real (RT-PCR) | Fonte: OIEA - Organismo Internacional de Enerxía Atómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta