Un dos grandes patrimonios mineiros de Galicia, en perigo

O poboado mineiro de Fontao queda fóra do PXOM de Vila de Cruces. Asociacións e particulares piden que sexa protexido.

Por Galicia Confidencial | Vila de Cruces | 14/05/2014 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Un dos principais patrimonios que posúe o concello de Vila de Cruces non aparece recollido na aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal que se aprobou o pasado día 17 de febreiro. Deste xeito, o poboado mineiro de Fontao, un dos grandes referentes desta vila, non ten ningún grao de protección no PXOM o que pode abrir a porta para a súa destrución.

Poboado mineiro de Fontao
Poboado mineiro de Fontao | Fonte: Asociación Buxa Lara

O poboado proxectárono os arquitectos César Cort e Basilio Blas en 1954 para que viviran nel centos de mineiros. Na actualidade todas as antigas vivendas dos traballadores da mina están reconstruidas. O proxecto de reconstrución foi obra do Instituto Galego de Vivenda e Solo, sendo inauguradas por Manuel Fraga cando era presidente da Xunta de Galicia.

A Asociación Buxa Lara xa denunciou esta situación. "Calquera acción ou omisión que propicie a falta de protección para o conxunto das minas de Fontao é un pau máis nas rodas da imprescindible recuperación do respecto a nós mesmos", sinala. Por iso, pide que, no período de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vila de Cruces, se considere unha protección "adecuada e acorde coa importancia patrimonial" duns aproveitamentos mineiros documentados, polo menos desde 1871, e dos poucos que en Galicia se atopan aínda nas mellores condicións para unha recuperación, conservación e valorización.

Petición en Change.org

De feito, na plataforma Change.org xa hai unha petición para reclamar que este poboado mineiro sexa protexido no PXOM. Podes asinala neste enlace.

No poboado mineiro de Fontao residían os mineiros que explotaban a mina próxima de volframio que estivo aberta de 1934 a 1963 e de 1968 a 1973. No período de máximo explendor, entre 1939 e 1945, o poboado contaba con 3.000 habitantes (máis 800 reclusos políticos que durmían na cadea), unha clínica hospitalaria, tres cines, 33 bares e un café-teatro. Entre os reclusos que traballaron nas minas para redimir penas estivo o anarcosindicalista pontevedrés Desiderio Comesaña Prado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta