(Vídeo) O que ocultaba o detido en Sanxenxo que fabricaba explosivos caseiros

No operativo foi detida tamén unha parella en Navarra e interviñéronse sustancias químicas, armas, diñeiro e outros efectos

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 09/02/2022 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A compra de certas sustancias químicas, denominadas 'precursores' de explosivos, puxo á Garda Civil sobre a pista dun veciño de Sanxenxo, de 35 anos de idade, que foi detido a pasada semana e está investigado por tenencia ou depósito de explosivos, no marco dun operativo policial (Operación Boxes Charada) no que tamén foron detidas outras dúas persoas, un home e unha muller, en Navarra.

Esta actuación foi desenvolvida pola Xefatura de Información(UCE 3) da Garda Civil, conxuntamente cos Grupos de Información das Comandancias de Pontevedra e Navarra, co apoio do Grupo de Desactivación de Explosivos (GEDEX) de Pontevedra e o Servizo Cinolóxico de ambas as Comandancias, así como do Grupo de Acción Rápida (GAR) da Garda Civil.

Segundo informou a Garda Civil, os precursores son sustancias a partir das cales, en determinadas concentracións, mesturadas entre si ou con outros produtos, pódense fabricar explosivos de forma caseira e ilícita. Por iso, o seu comercio, adquisición, tenencia e uso están rigorosamente controlados.

A investigación da Garda Civil permitiu identificar a un comprador destas sustancias en Sanxenxo, un veciño que estaba a usar eses precursores para a fabricación caseira de mesturas explosivas e incendiarias, como pólvora negra ou 'termita', moi perigosas pola seu poder destrutivo.

VÍDEOS TUTORIAIS

Ademais, este home dedicábase a publicar vídeos nas súas redes sociais e en Internet explicado "paso a paso" como elaboraba estas mesturas e os seus efectos, co risco engadido de que os tutoriais poderían ser utilizados por outras persoas para a elaboración de artefactos explosivos con fins violentos e delituosos.

Tras a súa detención, quedou en liberdade en sede policial, pero está a ser investigado polo xulgado de instrución 4 de Cambados.

INVESTIGADO CON ANTECEDENTES

A Garda Civil tamén identificou a un segundo comprador, neste caso un home de 40 anos de idade, que vive na Comunidade Foral de Navarra, e que ten antecedentes por tráfico de armas. Este home, que foi detido xunto á súa parella, fora arrestado tamén en marzo de 2020 nun operativo no que se desarticulou un taller clandestino que tiña no seu domicilio, e no que manipulaba armas de fogo para o seu posterior tráfico ilícito.

A investigación actual revelou que este home e a súa parella estaban a tratar de adquirir precursores para a fabricación de pólvora (legalmente catalogada como explosivo propulsor) e así poder utilizala na fabricación ilegal de munición metálica con proxectil, que vendían xunto coas armas coas que supostamente traficaban.

Armas e explosivos ocultos en Sanxenxo
Armas e explosivos ocultos en Sanxenxo | Fonte: Garda Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta