Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/02/2022 | Actualizada ás 22:00
A UE quere controlar o uso das artes de pesca de fondo, tamén denominado arrastre, con medidas como limitar até nun 40% o número de días para esta pesca. Os obxectivos perseguidos serían a protección do fondo mariño, evitar o exceso de descartes (peixe e outras especies mariñas sen valor comercial) e impedir a degradación de áreas con posidonia e outras especies como algas, lugares de refuxio para especies peláxicas e non peláxicas. A cuestión para outras voces é a falta de protección por parte da UE, do Goberno central e da Xunta cara a frota galega. Denuncian o aumento do número de buques no Norte de Europa e no Báltico, mentres España vai reducindo a súa presenza ano a ano.
PESCA DE FONDO, UN PERIGO?
Segundo a Consellería do Mar, os arrastreiros son unha parte dos barcos que faenan en augas internacionais da UE (altura) e fóra deste espazo (grande altura). Os grupos ecoloxistas e ambientalistas consideran este tipo de pesca como un dos máis prexudiciais para o mar. As embarcacións máis perigosas para o ecosistema son os grandes arrastreiros por actuaren sobre superficies máis amplas.
O uso de aparellos ou redes, ás veces de grandes dimensións, non permiten unha pesca selectiva por especie, isto tradúcese en descartes devoltos ao mar. Para as organizacións ambientalistas isto supón a eliminación de especies necesarias para o equilibrio das comunidades bentónicas (formas de vida asentadas no fondo do mar). Por outra parte, o arrastre, dependendo do tamaño da rede, usa pesos (plomos, pezas metálicas ou plumas) para afundir o aparello. Son os grandes arrastreiros os que usan barras metálicas (poden ser de 12 metros) que teñen un efecto grade sobre o leito do mar. Isto último é o sinalado por Greenpeace nun informe onde sinala que “a pesca de arrastre de fondo esquilma, captura ou estraga todo ao seu paso”.
Xabier Aboi, da CIG-Mar, o feito de introducir novas medidas de control para o arrastre supón unha posición hipócrita cando “a UE inclúe dentro das enerxías verdes á nuclear mentres que a pesca de arrastre non é ecolóxica”. As diferentes artes de pesca “poden ser un perigo, mais se están controladas non son tal” remarca Aboi.
“Os arrastreiros galegos non son precisamente grandes buques pois miden entre os 40 metros os máis pequenos e os 80 aqueles con maior capacidade” di Luis Tubío da UGT-Mar. Para Ricardo Valeiras, de CCOO Mar, as posicións contrarias ao arrastre non teñen en conta "os avances logrados para o uso sostible destas artes e a súa contribución para lograr os obxectivos de desenvolvemento sostible"
MOTIVACIÓNS E CONSECUENCIAS
“É como se a UE tivese unha dobre vara de medir, unha para Galicia e outra para o resto de países membros, para nós é simplemente o querer eliminar a frota galega mentres outras aumentan o seu número de barcos” sinala Aboi. “Agora mesmo o que é necesario é unha concreción de puntos por parte da Unión, o número de barcos, os caladoiros” sinala Tubío. Este último apunta á desvantaxe fronte aos buques procedentes de China cuxas dimensións superan longamente as dos galegos.
As motivacións son claramente comerciais para Aboi, “quen ten o peixe ten o mercado”. Desta maneira, barcos da Unión con bandeiras de terceiros ou en empresas mixtas, estarían sendo os primeiros pasos para un “oligopolio” da pesca en determinadas áreas. Esta política, insiste o representante da CIG, está a beneficiar países cun maior peso na Unión.
Se se aplicasen todas as medidas propostas polas autoridades europeas, para Carlos Tubío non sería descartable o abandono da actividade por parte de armadores galegos. “En total, entre postos directos e indirectos, haberá dez mil persoas en toda España que dependen do arrastre, sendo as tripulacións de entre doce e quince persoas por embarcación”. Actualmente o número total de arrastreiros, sumando os de caladoiro nacional, altura e grande altura superan os 100, segundo o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os operadores pesqueiros (empresas e sindicatos) "mostraron a súa vontade de cooperar para restaurar poboacións saudables porque é do noso propio interese" sinala Valeiras. Con todo, os pescadores opóñense a iniciativas que non parecen estar calibradas "para a situación real e non avalían todas as consecuencias". Por iso insisten en CCOO en situar a traballadores do mar e poboacións ligadas á pesca "no centro do debate e a toma de decisións".
Unha diferenza apuntada é que o arrastre baixo pabillón español vai destinado para consumo humano mentres que outras flotas destinan a pesca a fabricación de fariñas. A realidade para algúns representantes dos traballadores do mar é que as autoridades, tanto autonómicas, estatais e europeas non teñen ningún interese na pesca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.