Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2022 | Actualizada ás 14:15
O comité de empresa e de folga dos traballadores de terapia respiratoria a domicilio do Sergas nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo cifra en "practicamente un 100%" o seguimento da xornada de folga convocada este luns, 14 de febreiro, para denunciar os "incumprimentos" da empresa concesionaria deste servizo en Galicia.
O presidente do comité de empresa e de folga en Pontevedra, Aarón Sestay, destacou que nas áreas de Santiago e Pontevedra o seguimento desta xornada de folga foi do 100%, mentres que en Vigo, ademais dos servizos mínimos, acudiron "tres persoas a traballar".
Por parte do comité de folga explicaron que ás 7,00 horas deste luns concentráronse "con normalidade" traballadores diante do almacén da empresa no Porriño "para evitar que abrise", así como no de Santiago.
Posteriormente, ás 11,30 horas deste luns traballadores das tres áreas sanitarias reuníronse na capital galega para manifestarse desde o centro situado na Avenida de Barcelona ata a entrada de consultas externas durante unha hora aproximadamente, indicaron as mesmas fontes.
Os traballadores reclaman, ante a "política de silencio" da empresa concesionaria, unha reunión co Sergas "para exporlle os problemas" porque, ao ser o responsable de outorgar o servizo, "ten que facer cumprir esa concesión".
Representantes dos traballadores da empresa Esteve Teijin Healthcare S.L. en Galicia, que presta servizo como concesionaria das terapias respiratorias a domicilio en tres áreas sanitarias, xustifican a folga para denunciar o suposto incumprimento dos pregos do contrato que leva a cabo a concesionaria, o que causou, segundo afirman, empeoramento das condicións laborais e dos propios tratamentos e leváronos a convocar dúas xornadas de folga.
Segundo explicou e comité de folga, a empresa comezou a prestar servizo como concesionaria destas terapias a domicilio nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo en novembro de 2020, presentando unha "oferta temeraria á baixa" que, segundo expertos no sector "era irrealizable".
Así, neste ano e medio, indicou, sucedéronse "unha chea de problemas tanto laborais como que afectan os pacientes" e que derivan, denuncia, do incumprimento das condicións do propio prego de contratación.
Entre outras cuestións, Sestay asegurou que os traballadores son menos que os incluídos no prego inicial e que a empresa realiza "despedimentos disciplinarios" e "ofrece indemnizacións" para que algúns dos seus compañeiros deixen o servizo sen pagar a penalización correspondente.
Paralelamente, apuntan, a empresa trasladoulles que deben dicirlle aos pacientes que non dispoñen de material de recambio --incrementando o tempo sen renovar repostos--, que deben alongar o período entre tratamentos máis do recomendado ou que "deben desprazarse aos centros" da compañía "co claro obxectivo de aforrar custos".
Entre outros aspectos, denuncian tamén que o número de traballadores, que ascende a 77, sitúase "moi debaixo" dos 136 que se fixan na concesión e os pacientes "son obrigados" a desprazarse a centros cando antes eran atendidos no seu domicilio. "E quitouse o vehículo de empresa", lamentou.
A folga convocada afecta a todo o persoal da empresa Esteve Teijin Healthcare, S.L. que presta o servizo de terapias respiratorias a domicilio no ámbito territorial das áreas sanitarias de Santiago de Compostela e A Barbanza, de Pontevedra e O Salnés e de Vigo, e desenvolverase durante toda a xornada dos días 14 e 21 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.