A Xunta suprime un programa de apoio educativo que hai dúas semanas consolidara por falta de fondos europeos

Sindicatos ven "un novo recorte" e critican que se anunciase nunha reunión a 30 de xullo, "en pleno verán" e "cos centros pechados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 31/07/2025 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades suprimirá a Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familia (Raogal), un programa de apoio a alumnos vulnerables e a súa contorna posta en marcha en 2021, porque os fondos europeos Next Generation cos que se pagaba "xa acabaron", a pesar de que "solicitou" a súa continuidade. En todo caso, o Goberno galego, consultado por Europa Press, alega que está a deseñar "un plan para darlle continuidade" e que as tarefas que desenvolvían os 30 profesionais que compuñan a rede este curso "serán reasignadas" no marco da nova estratexia de inclusión nas aulas. Ademais, defende que implementará "todas as ferramentas necesarias para blindar a atención" aos alumnos vulnerables.

Raogal, segundo a súa normativa, era unha iniciativa "experimental" dedicada a dar acompañamento, motivación e seguimento personalizado aos nenos máis vulnerables e implicar á súa contorna familiar para previr o fracaso escolar. O programa era financiado polo Ministerio de Educación a través duns fondos europeos que xa se terminaron. A Consellería, consultada por Europa Press, subliña que, a pesar de que si o pediu, "non se lle deu continuidade". De feito, o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara o pasado mes de maio a consolidación de Raogal cando presentou a nova estratexia de inclusión educativa.

"UN NOVO RECORTE"

O fin de Raogal foi comunicado directamente o mércores pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, aos responsables das unidades, segundo relatan sindicatos, que ven nesta supresión "un novo recorte" no ensino público galega. A CIG-Ensino denuncia que isto ten implicacións a nivel laboral: dun lado, o profesorado que prestaba servizo nestas unidades "terán que reincorporarse aos seus centros educativos o 1 de setembro sen contar con esta información con antelación"; doutro, había docentes que ían substituír aos anteriores, que xa contaban con eses contratos para o próximo curso.

Máis aló disto, a central nacionalista critica que a Xunta empregue "unha vez máis fondos externos", procedentes nesta ocasión de Europa, "sen achegar nin un só recurso propio", para crear unha rede de orientación "de forma opaca". Ademais, "en ningún momento a Consellería de Educación desvelou" que estaba financiado con diñeiro comunitario "a pesar de vender propagandísticamente en varias ocasións a súa fincionamiento". Neste contexto, a CIG avoga por un modelo no que o apoio ao alumnado vulnerable se realice con persoal especialista "desde os propios centros", co obxectivo de que por cada 250 estudantes haxa un orientador.

ANUNCIO "EN PLENO VERÁN"

Pola súa banda, o sindicato ANPE censura que este "novo e inaceptable recorte" por parte da Xunta se anunciase "en pleno verán, con centros pechados, familias desconectadas e equipos docentes sen capacidade de reacción". Así mesmo, esta organización ve "especialmente indignante" que isto chegue "poucas semanas despois" de que Rueda anunciase a consolidación de Raogal. ANPE relata que nos últimos cursos se reduciu a dotación de recursos humanos destinados á rede e que agora "se consuma a súa eliminación de facto, ignorando os informes positivos e a urxente necesidade de reforzar a atención á diversidade". O sindicato tacha a supresión da rede de "nova agresión á equidade" no ensino e esixe "explicacións públicas e unha explicación inmediata".

Unha aula dun colexio
Unha aula dun colexio | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta