Como está a saúde mental en Galicia? "Segue sen asumirse como un problema grave de saúde pública"

Xosé Ramón Girón García, presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES Galicia), asegura que os atrasos nas citas, a dependencia da medicación e a ausencia de prevención entre a mocidade marcan a radiografía da saúde mental galega.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/10/2025 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A saúde mental converteuse nos últimos anos nun dos grandes espellos da sociedade galega contemporánea. O que antes se agochaba entre silencios e prexuízos, hoxe emerxe con forza: as consultas saturadas, as listas de agarda prolongadas, a dependencia crecente de psicofármacos e o esgotamento das familias que coidan. En plena era da hiperconectividade, da soidade compartida e das pantallas omnipresentes, Galicia enfróntase a unha das súas maiores emerxencias silenciosas. Nos últimos anos, multiplicáronse as campañas, os días conmemorativos --este 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental-- e as mensaxes institucionais, pero non así os recursos nin o persoal especializado. O discurso social avanzou, mais o sistema quedou atrás. Galicia, como moitos outros lugares do mundo, continúa a depender de estruturas deseñadas hai décadas, incapaces de absorber a demanda actual. A realidade é que, mentres se fala máis que nunca de saúde mental, as persoas que precisan axuda seguen atopando portas pechadas ou tempos de agarda imposibles.

Muller maior na cama con síntomas de depresión e soidade
Muller maior na cama con síntomas de depresión e soidade | Fonte: EP - Arquivo

Durante a pandemia, o tema da saúde mental pasou de ocupar un espazo marxe a converterse nun asunto visible nos medios, nos parlamentos e mesmo nas conversas cotiás. Mais, como advirte Xosé Ramón Girón García, presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES Galicia), esa visibilidade non se traduce en accións estruturais: "A saúde mental segue sen ser asumida como un problema grave de saúde pública, e seguimos sen un plan claro de saúde mental que incida nos problemas básicos da poboación". Girón fala dun 'impasse', dunha situación estancada, na que a sociedade identifica cada vez máis a necesidade de atención, pero os servizos públicos non chegan a respostar coa mesma velocidade. "Hai moita xente que está sen atención a pesar de ter un problema de saúde mental", asegura, e sinala que "hai estudos que falan de ata un 40 %". A dispersión demográfica de Galicia, engade, complica aínda máis o panorama: "Isto tradúcese en problemas de accesibilidade e seguemento de pacientes".

"COAS NOVAS 'AXENDAS DINÁMICAS' DO SERGAS, MOITAS PERSOAS PASAN A UNHA LISTA DE AGARDA SEN SABER CANDO AS VOLVERÁN CHAMAR"

A atención psicolóxica e psiquiátrica en Galicia vese lastrada por longos tempos de agarda. "O maior problema é que non hai cita para os servizos específicos de saúde mental de maneira directa", explica o presidente de FEAFES Galicia. Como consecuencia, "a demanda pasa á Atención Primaria, e isto moitas veces remata máis en medicacións que en derivacións que axuden a clarificar a situación das persoas". Mentres tanto, o atraso en recibir unha primeira consulta tamén pode facer que cadros leves deriven en situacións graves. "A tardanza pode provocar que se empeoren certos cadros e evolucionen mal", di. Así mesmo, o seguemento das patoloxías é outro punto crítico. Co novo sistema de axendas do Sergas --'axendas dinámicas' ou 'axendas automatizadas'--, moitas persoas "pasan a unha lista de agarda sen saber cando as volverán chamar". Ás veces o aviso chega con só 24 horas de antelación e, se o paciente non pode acudir, "volve ao final da cola".

Girón define este sistema como "perverso": "A saúde mental xera moitísima ansiedade e incerteza, e non cumprir os prazos de revisión provoca máis incerteza aínda". Segundo el, este novo modelo de organización "despersonaliza" completamente a atención, convertendo un procedemento que debería ser terapéutico nun trámite burocrático. "As persoas saen da consulta sen saber se serán chamadas en tres meses ou en oito, e iso é devastador emocionalmente". Ademais, moitas familias denuncian que a comunicación co sistema é case imposible: "Non hai un teléfono directo nin unha referencia clara a quen acudir se a situación empeora", apunta, asegurando que "iso xera unha sensación de abandono que agrava o sufrimento". Para quen pode permitilo economicamente, a solución pasa por acudir á sanidade privada. Para o resto, "non queda máis que agardar". Esa agarda, di, "sobrecarga moitísimo ás familias". Cando o coidado se fai insostible, prodúcese o que el denomina 'quebra de coidados', que moitas veces actúa "como trampolín cara a exclusión social".

Saúde mental en mozos: aumenta o consumo de antidepresivos entre menores de idade
Saúde mental en mozos: aumenta o consumo de antidepresivos entre menores de idade | Fonte: Commons - Arquivo

"COA MOCIDADE HABERÍA QUE EMPEZAR A TRABALLAR CON CELERIDADE; TAMÉN ESTÁN AUMENTANDO AS BAIXAS LABORAIS POR TRASTORNOS DE SAÚDE MENTAL"

A conversa deriva cara un dos sectores máis preocupantes: a mocidade. "É o sector onde habería que empezar a traballar con maior celeridade", afirma o presidente de FEAFES Galicia. "A enfermidade mental grave, a que realmente provoca problemas importantes ao longo da vida, comeza precisamente na adolescencia, etapa na que a prevención tería que ser masiva", advirte. E, sobre o impacto das pantallas e das redes sociais nos máis novos, Girón amósase prudente, pero claro: "Hai moita xente estudando ese tema, e hai moita controversia, pero semella evidente que as redes poden provocar problemas moi graves nos adolescentes, mesmo directivos de grandes tecnolóxicas como Google o recoñeceron no Senado dos Estados Unidos". O problema, di, é que "son cuestións culturais globais, dificilísimas de solucionar se os gobernos non teñen unha decisión moi clara de enfrontarse a esas poderosísimas empresas tecnolóxicas". As redes sociais crean un espello permanente no que os mozos se comparan, e iso alimenta a frustración, a ansiedade e a sensación de non ser suficiente. Así, moitos adolescentes viven cun ruído mental constante, entre notificacións, mensaxes e estímulos que non deixan espazo para o silencio nin para o descanso emocional.

Outro dos ámbitos nos que se manifesta a crise de saúde mental actual é o laboral. "As baixas por trastornos de saúde mental están aumentando", lembra Girón. Mesmo a patronal recoñece o problema. "Se os empresarios falan de absentismo laboral por causas mentais, habería que empezar a traballar sobre iso", di. E cita casos extremos: "Houbo suicidios en ministerios e edificios públicos recentemente". Tamén engade que xa existen "enfermidades recoñecidas ligadas a traballar en edificios intelixentes". En definitiva, apunta o presidente de FEAFES Galicia, "se o ambiente no que vivimos e traballamos inflúe tanto na aparición dos trastornos mentais, o ambiente laboral forma unha parte importantísima da nosa vida cotiá, pois pasamos nel a metade do noso tempo". Engade que moitas veces o estrés laboral non se debe só á carga de traballo, senón á falta de recoñecemento e á inestabilidade. Hai moita xente atrapada en contratos precarios, sen seguridade, con horarios partidos e presión constante por obxectivos. Esa combinación é un cóctel perfecto para o desgaste emocional e o 'burnout'. Do mesmo xeito, as novas tecnoloxías fixeron moi difícil a desconexión.

"TEMOS MOITAS FRONTES ABERTAS, PERO A PRIMEIRA PASARÍA POR ATENDER ÁS PERSOAS QUE TEÑEN TRASTORNOS MENTAIS CRÓNICOS E PERSISTENTES"

Preguntado polo alto grao de medicación da poboación para facer fronte a problemas de saúde mental, Girón coincide co diagnóstico dos profesionais: "Os psicólogos téñeno moi claro: a maioría dos trastornos mentais leves que chegan a Atención Primaria deberían tratarse inicialmente con psicoterapia". Iso evitaría que moitos casos se cronifiquen. "Un de cada varios pacientes medicados remata cronificado, con medicación para a toda a vida, e iso é moi grave", advirte o presidente de FEAFES Galicia. E lembra que a psicoterapia non se pode facer no primeiro chanzo asistencial: "Pode haber médicos e médicas ou enfermeiros e enfermeiras con certos coñecementos, pero ese non é o seu labor principal". Segundo el, o abuso da medicación converteuse nun parche estrutural que oculta a falta de profesionais e de espazos terapéuticos. "Cando un paciente sae da consulta cunha receita, en realidade non se abordou o problema de fondo", apunta. Ademais, insiste nos efectos secundarios e dependencia psicolóxica que poden xerar algúns fármacos: "Moitas persoas rematan atrapadas nun círculo de sedación que lles impide retomar unha vida plena".

Preguntado por onde actuaría de inmediato, Girón dubida, porque asegura que son moitas as frontes abertas en materia de atención á saúde mental. "Son demasiadas frontes, pero a primeira sería atender ás persoas que teñen trastornos mentais crónicos e persistentes", di, contundente. Trátase de persoas "que levan enfermas moitos anos, sometidas a réximes farmacolóxicos de 14, 20 ou 25 pílulas diarias". O obxectivo debe ser "axudar a reducir esa carga de psicofármacos para que poidan realizar tarefas básicas". FEAFES Galicia traballa neste senso dende os seus centros de rehabilitación repartidos por todo o territorio. Pero, para avanzar, "é imprescindible unha comunicación rápida e eficaz entre a parte psicosocial e a parte sanitaria do sistema". E, máis aló diso, propón un cambio de mirada: "A saúde mental excede con moito as funcións do sistema sanitario, pois hai que ampliala a unha visión moito máis social do problema". Girón remata así cun aviso que soa a conclusión e advertencia: "Este é un problema que, lonxe de decrecer, vai en aumento na sociedade na que vivimos".

Atención de problemas de saúde mental
Atención de problemas de saúde mental | Fonte: EP - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta