Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2025 | Actualizada ás 16:09
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou este venres que a Xunta de Galicia ultima o seu novo Plan de Saúde Mental, que porá o foco na infancia e na adolescencia, ademais de na loita contra o estigma e a prevención do suicidio. Así o relatou esta mañá no marco dos actos conmemorativos do Día Mundial da Saúde Mental, onde lembrou tamén a nova colaboración da Xunta coas tres universidades galegas para elaborar un protocolo de acompañamento psicolóxico destinado aos estudantes universitarios e a extensión do Programa de prevención do suicidio 'YAM', que xa se está desenvolvendo en 173 centros de ensino secundario da comunidade para chegar a máis de 12.000 alumnos.
Así mesmo, Gómez Caamaño repasou algúns dos fitos alcanzados con Plan de Saúde Mental 2020-2024, pondo especial énfase no reforzo do persoal especializado que se alcanzou neste ámbito da saúde (psicoloxía, psiquiatría, enfermaría e traballo social), e que rexistrou unha media diaria de 557 profesionais contratados. "Debemos de ser capaces de sensibilizar e concienciar á poboación sobre os coidados da saúde mental", remarcou.
XORNADA 'MIRA DE FRONTE A TÚA SAÚDE MENTAL'
A Consellería de Sanidade acolle este venres a xornada 'Mira de fronte a túa saúde mental' na que se presentarán diferentes proxectos que teñen por obxecto transmitir a realidade das enfermidades mentais e sensibilizar á sociedade na loita contra o seu estigma. Entre outros contidos, presentouse o proxecto 'Psiquiatría e Cinema', unha iniciativa que busca combater o estigma dos trastornos mentais a través do cinema. A través do documental 'Expedición Mental', abordáronse as diferentes visións do suicidio e da saúde mental no marco do Camiño de Santiago. Por último, a xornada contou coa presentación da nova 'Guía e boas prácticas e recomendacións para profesionais dos medios de comunicación para a elaboración de noticias vinculadas á conduta suicida'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.