Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2022 | Actualizada ás 17:14
Catro institutos galegos ingresarán este ano na Orde Civil de Alfonso X o Sabio con categoría de Placa de Honra, segundo comunicou este mércores o Ministerio de Educación á Xunta de Galicia. En concreto, os centros distinguidos, todos eles fundados no século XIX, son o Ramón Otero Pedrayo (Ourense), o Sánchez Cantón (Pontevedra), o Eusebio da Guarda (A Coruña) e o Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela).
A Xunta celebrou este recoñecemento, que recae en centros que levan "máis dun século traballando en prol da formación de varias xeracións de galegos". Este catro centros forman parte da Rede de Institutos Históricos de Galicia, institutos que son considerados extensións do Museo Pedagóxico de Galicia pola custodia que fan de patrimonio histórico educativo.
Estes institutos, explicou a Xunta, foron creados ao redor de 1845, momento clave na historia da educación polo denominado Plan Pidal, que encamiñou o paso dos estudos do Antigo Réxime cara a un novo sistema educativo no que a formación se divide en tres niveles: primaria, secundaria e superior.
Conforme á lexislación da época, estes centros foron dotados cunha biblioteca, un gabinete de Historia Natural, laboratorios de Ciencias Naturais, Agricultura, Física, Química, Fisioloxía e Hixiene e cun Xardín Botánico, ademais de contar con materiais especiais para os ensinos que requiran dalgunha demostración, tales como as ciencias xeográficas, histórica, debuxo lineal e matemáticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.