Por X.M. Fernández | Arzúa | 18/02/2022 | Actualizada ás 20:50
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa vén de confirmar que se mantén a celebración do concurso de disfraces este domingo tras considerar que o número de participantes é máis que suficiente para levar a cabo un certame atractivo tanto para os concursantes como para o público.
Ao concurso, que se celebrará este domingo 20 ás 17:00 h. no Multiusos Terra do Queixo, preséntanse un total de 17 aspirantes a facerse con algún dos premios que ascenden a 2.120 euros repartidos entre as categorías comparsas, grupos, individual infantil, individual adulto e simpatía. Participarán na gala disfraces e colectivos locais, da comarca e chegados de lugares como Lugo, Ordes ou Vilagarcía de Arousa.
O concurso celebrarase co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nun festival que estará presentado polo humorista arzuán Xan Veiga co cal, para empezar, xa se poden garantir as risas e o bo humor no transcurso da fala. A apertura de portas será ás 16:00 h.
A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, agradece aos participantes a súa involucración “tendo en conta, sobre todo, que as circunstancias actuais dificultan os labores de confección de disfraces e de xuntanza dos grupos e comparsas para preparar as actuacións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.