Pode realmente un orgasmo mellorar a función nasal e desconxestionar o nariz?

Otorrinos do CHUAC e do CHUS cuestionan os resultados dun estudo científico que cobrou fama mundial tras recibir o premio Ig Nobel de Medicina 2021 (parodia dos Nobel da Academia Sueca), no que se afirma que o sexo con clímax pode desconxestionar o nariz. Non é un tema frívolo nin fútil; a ciencia vén investigando a relación entre sexo e a función nasal desde hai máis dun século e os científicos de Galicia piden máis estudos para resolver a polémica.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 27/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

No cinema, cada ano se outorgan os premios Golden Raspberry, popularmente coñecidos como Razzies, como contrapunto aos Oscar, para destacar as peores producións de cada ano. No mundo da ciencia ocorre algo semellante cos Premios Ig Nobel (xogo co termo en inglés ignoble, que significa “innoble”, e os célebres galardóns que concede a Academia Sueca), un certame paródico organizado pola revista de humor científico Annals of Improbable Research que ofrece un contrapunto aos Premios Nobel ao recoñecer, neste caso, non os peores traballos de investigación de cada ano, senón os máis curiosos, insólitos e imaxinativos. En definitiva, uns premios para “celebrar o inusual, honrar o imaxinativo e estimular o interese de todos pola ciencia, a medicina e a tecnoloxía", segundos os seus propios organizadores.

Sexo entre unha parella
Sexo entre unha parella | Fonte: stokpic - Pixabay.

Na última edición do Ig Nobel, a de 2021, o premio na categoría de Medicina foi para os investigadores Olcay Cem Bulut, Dare Oladokun, Burkard Lippert e Ralph Hohenberger por un estudo no que dixeron demostrar que os orgasmos poden ser tan efectivos como os medicamentos desconxestionantes para mellorar a respiración nasal.

Os autores da investigación concluíron que “as relacións sexuais con clímax poden mellorar, durante unha hora, a respiración nasal no mesmo grao que a aplicación dun desconxestivo en pacientes con obstrución nasal”

O estudo partiu dunha pregunta: pode o sexo pode mellorar a función nasal? Tras analizar os casos de 18 parellas heterosexuais, os científicos de Alemaña, Turquía e Reino Unido concluíron que que o orgasmo pode ser tan efectivo como os medicamentos para desconxestionar o nariz e mellorar a respiración nasal ata unha hora despois do clímax sexual.

O traballo foi publicado na revista científica internacional Ear, Nose & Throat Journal en 2021. No estudo, as parellas probaron a súa propia función nasal con dous métodos proporcionados polos investigadores: cunha escala de autoavaliación e cun dispositivo que mide o fluxo nasal. Así, as parellas analizaron a súa respiración nasal en cinco momentos diferentes: antes da actividade sexual, inmediatamente despois do clímax, e 30 minutos, unha hora e tres horas despois do orgasmo. E eses resultados comparáronse cos conseguidos coa aplicación dun spray desconxestivo nasal seguindo as mesmas medicións e aplicado un día despois. Os investigadores aseguráronse de que ningún dos participantes tivese antecedentes de problemas nasais e de que ambos os membros da parella necesitaban alcanzar o orgasmo para que os datos fosen válidos.

O que observaron os investigadores foi que a respiración mellorou significativamente despois das relacións sexuais con orgasmos no mesmo grao que despois da aplicación do desconxestionante nasal ata 60 minutos despois. Pasado ese tempo, o aerosol nasal ofreceu un mellor alivio a longo prazo.

A respiración nasal, segundo este estudo, volveu ao nivel inicial despois de tres horas da relación sexual, mentres que continuou mellorando durante máis tempo tras a aplicación do desconxestivo.

Con base nos seus resultados, estes investigadores concluíron que “as relacións sexuais con clímax poden mellorar, durante 60 minutos, a respiración nasal no mesmo grao que a aplicación dun desconxestivo en pacientes con obstrución nasal”.

Con todo, os investigadores recoñeceron algunhas limitacións no seu estudo. En primeiro lugar, a mostra, reducida a só 36 participantes, todos eles traballadores da saúde. Por outro lado, a recompilación de datos despois do coito non foi todo o confiable que se espera; como explicaron os propios autores do traballo, non se obtiveron datos firmes de todos os participantes, xa que “algunhas persoas non podían centrarse no dispositivo” utilizado para facer as medicións inmediatamente despois do orgasmo.

Os investigadores cren que o orgasmo podería tamén prescribirse para tratar dores de cabeza relacionados coa sinusite, se se confirman os seus achados

Como o sexo pode desconxestionar o nariz non está de todo claro, pero para estes investigadores habería unha serie de factores en xogo, “unha mestura de excitación, exercicio físico e cambios hormonais que veñen co orgasmo”, dixo.

Se futuros estudos apoiasen estes achados, o orgasmo podería tamén prescribirse para tratar dores de cabeza relacionados coa sinusite, segundo estes científicos.

MÁIS DUN SÉCULO DE DEBATE

Este estudo, como diciamos, recibiu o Ig Nobel de Medicina 2021 e foi obxecto de titulares para chamar a atención sobre a última edición destes galardóns. Por exemplo: “El orgasmo descongestiona la nariz y otras exóticas investigaciones galardonadas con los Ig Nobel” (El País), ou “Los científicos han encontrado una cura para la congestión nasal que es más barata que los medicamentos e igual de eficaz: tener un orgasmo” (Business Insider), “Upside down rhinos and nose-clearing orgasm studies win Ig Nobel prize” (The Guardian).

Pero isto que pode ser visto como unha curiosidade, mesmo como algo absurdo ou xocoso, é tomado moi en serio na comunidade científica; tanto, que científicos de Galicia deron resposta a este estudo nunha carta ao editor de Ear, Nose & Throat Journal na que piden máis estudos sobre o impacto do sexo nas fosas nasais.

“Recoñecemos a estes autores a recuperación dun tema que tanto debate suscitou no pasado, así como o seu recente premio Ig Nobel”, comezan Miguel Mayo Yañez, Jesus Herranz Larrañeta e Christian Calvo Henríquez, científicos, adscritos ao Servizo de Otorrinolaringoloxía-Cirurxía de Cabeza e Pescozo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e o de Santiago de Compostela (CHUS).

Estes expertos remóntanse a finais do século XIX para recordar que xa naquel tempo se propuxo a posible conexión fisiolóxica entre nariz e xenitais, denominada “neurose nasal reflexa” polo otorrinolaringólogo alemán Wilhelm Fliess e incorporada á psicanálise polo célebre Sigmund Freud.

Mais o traballo que agora gañou o Premio Ig Nobel de Medicina representa, para os científicos galegos, “un cambio de paradigma” cuxa “principal conclusión é que as relacións sexuais con clímax melloran a respiración nasal, sendo o primeiro estudo exploratorio deste tipo”, destacan.

“Desde o século XIX, existen diversas publicacións que estudaron as relacións sexuais e o empeoramento dos síntomas nasais con resultados sorprendentes”, comentan os investigadores, que remiten á obra de Thomas H. Holmes ‘The Nose: an Experimental Study of Reactions within the Nose in Human Subjects during Varying Life Experiences’ (‘O Nariz: un estudo experimental das reaccións no nariz en suxeitos humanos durante diferentes experiencias vitais) publicada en 1950. Un libro que, segundo os expertos de Galicia, “presentou un estudo exhaustivo das funcións nasais baixo unha variedade de circunstancias nas que a excitación sexual estaba acompañada de cambios na mucosa nasal (en particular hiperemia, hipersecreción e conxestión nasal)”.

“Este non é o primeiro estudo que avalía a relación entre os síntomas nasais e a excitación sexual, aínda que é o primeiro en informar dunha mellora dos síntomas”

Estes investigadores avanzan unha década despois da publicación de Holmes para destacar o traballo realizado na década de 1960 polo doutor Noah D. Fabricant, concretamente o seu traballo ‘Effect of Coitus on Nasal Temperature’ (‘Efecto do coito na temperatura nasal’), “demostrando que as relacións sexuais producen un aumento da temperatura tópica, un estado de vasodilatación e un aumento do abastecemento de sangue da mucosa nasal”, expoñen.

Os expertos do CHUAC e do CHUS destacan outros estudos que se fixeron posteriormente, como ‘Postcoital Asthma and Rhinitis’ (‘Asma e rinite poscoital’), asinado en 1991 por Ashok Shah e Mrinal Sircar, traballo no que “se reportaron casos nos que a excitación sexual causou rinite poscoital ou de lúa de mel", engaden. Naquel estudo, Shah e Sircar avisaban de que “a asma e a rinite postcoital poden pasarse por alto facilmente debido á vergoña do paciente e á falta de conciencia do médico”.

Avanzando no tempo, xa no século XXI, salientan un estudo realizado en Italia e publicado en 2007, titulado ‘Nasal congestion after visual sexual stimulation with and without sildenafil (Viagra®): a randomized placebo-controlled study’ (‘Conxestión nasal despois da estimulación sexual visual con e sen sildenafilo (Viagra®): un estudo aleatorizado controlado con placebo’), o cal “demostrou unha redución significativa da área transversal mínima e un aumento do volume dos cornetes nasais inferiores despois da estimulación sexual visual”, explican.

Daquela, os investigadores italianos exploraron o impacto da viagra nos parámetros das vías respiratorias nasais en homes novos que suxeriron que “o sildenafil reduce o volume nasal e que a estimulación sexual pode diminuír por si soa o fluxo de aire nasal”, como describirá Holmes na década de 1950. provocando obstrución nasal, contrariamente ao que determinou o estudo premiado co Ig Nobel de Medicina 2021.,

“Polo tanto”, resaltan os otorrinos do CHUAC e do CHUS, o estudo de Olcay Cem Bulut, Dare Oladokun, Burkard Lippert e Ralph Hohenberger recoñecido co Ig Nobel “non é o primeiro que avalía de forma subxectiva e/ou obxectiva a relación entre os síntomas nasais e a excitación sexual, aínda que é o primeiro en informar dunha mellora dos síntomas”. E, ademais, os seus resultados están en contradición cos atopados en estudos previos.

PRECAUCIÓN

Para os otorrinos do CHUAC e do CHUS, os resultados desa investigación “deben tomarse con precaución” xa que, “en primeiro lugar, as perdas na recollida de datos superan o 55%”, o cal, aclaran, “implica un nesgo á hora de comparar os actos pre e postsexual”. “É posible que só respondan os pacientes que notaron unha mellora significativa ou os máis motivados”, engaden.

En segundo lugar, sinalan que no estudo “podería haber un nesgo de selección debido a que todos son voluntarios sanitarios, as comorbilidades non estaban rexistradas e os participantes presentaban unha obstrución nasal moderada de referencia segundo a rinomanometría e o cuestionario NOSE, o que reduce a función sexual”. Ademais, din, “deberían terse en conta factores ambientais e de duración para garantir a reproducibilidade do estudo”.

“Segue existindo polémica en relación aos síntomas nasais e a excitación sexual", segundo os expertos do CHUAC e do CHUS 

Os expertos de Galicia consideran que as diferenzas atopadas nos resultados dos diversos estudos realizados até agora “podería deberse á fisioloxía da excitación sexual e ás vías de sinalización nasal”.

Por unha banda, expoñen, “a actividade sexual asóciase á estimulación autonómica con predominio parasimpático durante as primeiras etapas, mentres que o segmento simpático é máis activo cara á culminación do orgasmo”. O sistema nervioso simpático é o encargado de regular as respostas corporais de activación, mentres que o parasimpático é responsable de volver ao estado de equilibrio e conservación despois da activación do sistema simpático.

“Isto”, proseguen, “podería explicar as diferenzas” entre os resultados do estudo premiado co Ig Nobel e o dos investigadores italianos: “Mentres que o primeiro avaliou a función nasal despois do orgasmo (preponderancia simpática), o segundo realizou estas medicións só despois da excitación sexual (preponderancia parasimpática). Un desequilibrio autonómico pode decantar o equilibrio cara a un dos dous aspectos sintomáticos durante as relacións sexuais”, clarifican.

Por outro lado, recordan estudos que indicaron que nalgúns pacientes con antecedentes de patoloxía respiratoria ou alérxica, os estímulos emocionais intensos durante as relacións sexuais poden conducir a un desequilibrio autonómico cunha reactividade  parasimpática, causando a liberación de mastocitos mediadores que poden provocar asma postcoital e rinite nestes pacientes, “podendo provocar unha disfunción sexual”, apuntan.

Por todo isto, conclúen: “Segue existindo polémica en relación aos síntomas nasais e a excitación sexual. Os estudos futuros deben ter en conta a duración do acto, as súas características, os factores ambientais, as morbilidades asociadas dos participantes, así como a consecución ou non do orgasmo para reducir posibles nesgos”.

Do que non cabe dúbida é de que os Ig Nobel son uns premios que, cada vez máis, espertan enorme curiosidade e atraen unha grande atención por parte da comunidade científica internacional e tamén dos medios de comunicación. Como din os seus propios promotores, estes galardóns "pretenden celebrar o inusual, honrar o imaxinativo e estimular o interese de todos pola ciencia, a medicina, e a tecnoloxía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta