Galicia estreará dominios propios no seu día nacional

A Asociación puntoGAL presenta os prazos e requerimentos para o uso do dominio galego de Internet. Desde o verán e ata final de ano haberá fases para facerse cun .gal

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/05/2014 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

www.dominio.gal é a primeira páxina web baixo o dominio da Internet para a sociedade galega. 

Manuel González, presidente do puntoGAL, recolle un premio de mans de Alberto Núñez Feijóo
Manuel González, presidente do puntoGAL, recolle un premio de mans de Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta

O novo portal explica os prazos e os criterios que rexen o lanzamento do .gal. Os dominios galegos comezarán a funcionar de xeito oficial a partires do 25 de xullo.

Así, dende o 1 de xuño a Asociación puntoGAL comezará varias fases que rematarán a final de ano. A primeira delas é o Programa de Pioneiros. Durante o mes de xuño recibiranse propostas e a Asociación seleccionará, baseándose en criterios de visibilidade e notoriedade, até un máximo de 90 Nomes Pioneiros.

Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na Rede o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Os pioneiros terán a vantaxe de poder publicar webs baixo o .gal catro meses antes co resto, gozando dunha maior visibilidade. Iso si, terán que afrontar un prezo especial (entre 3.000 e 400 euros segundo e o tipo de solicitante) e loxicamente, cumprir unha serie de requisitos. PuntoGAL publicará todos os detalles do Programa de Pioneiros (prezos, etc.) dentro de 15 días, o 1 de xuño, cando xa se poderá solicitar participar nesta fase.

Abrente e Carreira: en paralelo dende setembro até novembro

A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até novembro e busca protexer dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima a comunidade galega.

Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para as direccións que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por direccións especialmente atractivas.

Fase Aberta: o dominio para todos en decembro

E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións.

As condicións e características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina indícase a fórmula para consultar e solventar dúbidas.

Os motivos para organizar o lanzamento en diferentes fases son para garantir a súa estabilidade técnica, cumprir as normas establecidas por ICANN e garantir un lanzamento ordenado e que protexa os dereitos públicos e privados.

Requerimentos

O novo portal tamén explica que páxinas webs poderán mostrarse baixo un .gal . O rexistro será libre e os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña específicamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o establece a candidatura do .gal aprobada por ICANN.

Presentación na Cidade da Cultura

A presentación tivo lugar na véspera do Día das Letras Galegas na Cidade da Cultura de Galicia e contou coas intervencións de Manuel González, presidente da Asociación, Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta e Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago.

Durante o seu discurso, Manuel González destacou as vantaxes de todo tipo (a nivel económico, de autoestima, tecnolóxico, etc.) que o .gal aportará á sociedade galega.  "Este dominio vai xerar beneficio económico para Galicia. Unha parte importante da recadación polo uso de cada dominio .gal quedará en Galicia, en vez de migrar ao exterior”, explicou.

Pola súa banda, Alberto Nuñez Feijóo dixo que "o puntoGAL será o mellor salvoconducto para que Galicia atravese fronteiras". O mandatario destacou, entre outros puntos, as vantaxes económicas que aportará o puntoGAL, que evitará que parte do diñeiro que os galegos invisten en rexistrar dos dominios marche do país.

A Asociación puntoGAL está formada por 114 organizacións de todos os sectores sociais, incluídas as principais institucións culturais do país e ducias de asociacións culturais de base. Durante os seus sete anos de traballo continuado gañouse o apoio de máis de 12.000 persoas, apoio que foi fundamental para que a ICANN aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 outro da gz

a min gústame máis chamarlhe o dia da patria galega, ou dia da patria sen máis

1 naciónDeCartón

Galicia non é unha nación. A única nación que existe en España, como lembrou con ocasión da sentencia do estatuto catalán, é a española. Difícilmente pode ter un día "nacional"...

1 xaab

Pois che guste ou non, coma tal a declarou o primeiro presidente da Xunta (Rosón) e non houbo ningún presidente que revocara o tal Decreto. Polo tanto, si que é o Día Nacional de Galicia.

2 naciónDeCartón

¿Pero quén interpreta as leis, D. Antonio Rosón ou o TC? ¿Por qué non me pos o decreto polo que se declara festivo o día de hoxe... a ver se pon nacional? Coitado...

3 Dia Nacional de Galicia