Feijóo agradece o apoio dos presidentes do PP: "Anunciarei a miña decisión a partir do mércores"

O presidente da Xunta pediu "respectar os tempos" pero agradeceu o "apoio explícito" da presidente madrileña. O congreso que abrirá a 'era Feijóo' no PP convócase este martes con dúbidas nos tempos da sucesión galega.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 28/02/2022 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén a incógnita formal sobre o seu futuro político e, aínda que practicamente todos no PP (e fóra do partido) dan por feito o paso adiante para relevar a Pablo Casado, pediu "respectar os tempos" e sinalou que anunciará a súa decisión a partir do mércores.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, o tamén presidente do PPdeG lembrou que o Congreso Extraordinario para elixir ao novo mandatario 'popular' a nivel nacional aínda non está formalmente convocado e remitiuse ás reunións que terán lugar este martes, do Comité Executivo Nacional e da Xunta Directiva do seu partido.

Con todo, e tras afirmar que só anunciará a súa decisión a partir do mércores, agradeceu o "apoio explícito" tanto da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, como do resto de presidentes autonómicos do PP, aínda que lembrou que todos eles teñen "un voto" no Congreso, do mesmo xeito que calquera militante de calquera lugar de España.

CONTA ATRÁS

Así, coa convocatoria do conclave extraordinario iniciarase a conta atrás para o cambio na dirección do PP, pero tamén para a formación en Galicia, xa que se Feijóo dá o paso de presentarse para presidir o partido, ábrese a porta a un cambio na presidencia da Xunta.

Feijóo e calquera candidato que aspire a liderar o PP disporá de prazo ata mediados de marzo para presentar a súa candidatura ao congreso extraordinario, un paso que deberá acompañar co aval de polo menos 100 afiliados do partido, segundo recollen os Estatutos do partido.

Os cargos da formación en Galicia consultados por Europa Press albergan poucas dúbidas de que "fará o que debe", pero admiten máis incertezas acerca do que poida pasar en Galicia. Iso si, coa tranquilidade de máis de dous anos por diante cunha maioría absoluta "ampla" e a convicción de que, elíxase a vía que se elixa, está descartado un adianto electoral.

A opinión máis estendida é que, chegado o momento, Feijóo non elixirá a opción legal de compaxinar a Presidencia do PP coa Xunta, dado o "inxente" traballo que lle espera en Génova. A oposición galega xa lle atacou, ademais, por "ter a cabeza" en "Madrid, Madrid, Madrid" no canto de en "Galicia, Galicia, Galicia".

Se decide dimitir producirase un feito histórico na comunidade, xa que Feijóo converterase no primeiro presidente autonómico que deixa o poder por vontade propia. Nese caso, con el cesarán os membros do seu Executivo, aínda que seguirían en funcións ata a toma de posesión do novo Executivo. O sucesor ten que ser deputado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, atende aos medios á súa chegada a un acto de entrega de vivendas autonómicas en Vigo, a 28 de febreiro de 2022.. JAVIER VÁZQUEZ-EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, atende aos medios á súa chegada a un acto de entrega de vivendas autonómicas en Vigo, a 28 de febreiro de 2022.. JAVIER VÁZQUEZ-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

SUCESIÓN

Os principais integrantes da cúpula galega do PP, a excepción do presidente provincial de Ourense, Manuel Baltar, que acompañará nun acto á raíña Sofía, participarán este martes na última Xunta Directiva Nacional que presidirá Pablo Casado na que quedará convocado para os días 2 e 3 de abril o congreso extraordinario no que se espera unha nova etapa con Alberto Núñez Feijóo á fronte.

Unha vez sexa oficial a convocatoria do conclave popular tras a Xunta Directiva --un órgano conformado por máis de 400 cargos que se ocupará de deseñar a folla de ruta--, a seguinte data destacada no calendario é a que elixa o líder galego para confirmar un paso adiante que no partido se dá por feito desde hai varios días e que lle pediron as voces máis destacadas da súa formación. 

Cando o confirme, á marxe de traballar nos equipos que lle van a acompañar en Génova, Feijóo terá que preparar unha sucesión galega en dous escenarios: o PP galego (ostentar a súa Presidencia é incompatible con liderar o estatal) e a Xunta.

Na súa contorna descartan un adianto electoral e tampouco consideran moi operativo compaxinar Xunta e liderar o PP a longo prazo (aínda que é legalmente compatible), pero o que defenden é que o salto a Madrid non ten que ser tampouco "inmediatísimo".

"Feijóo sempre dixo que se pode facer política estatal desde Galicia, non vemos a necesidade de tantas présas", remarcaron as fontes consultadas, dando a entender que Feijóo é partidario das substitucións "ordenadas", ademais de lembrar que tamén ten vida persoal e un neno pequeno.

Por iso, aínda que a vía máis "lóxica" para que poida facer oposición a Pedro Sánchez en Madrid é o Senado --a través dunha praza por designación autonómica, que lle permitiría atopar oco nas Cortes, e que lle tería que deixar un dos dous senadores que actualmente ocupan este cargo--, este paso non tería que darse necesariamente de forma inmediata, xusto despois do congreso de abril.

Así as cousas, podería darse un período de transición mentres se atan os cabos do partido e da Xunta, aínda que cunhas eleccións municipais ao virar a esquina a maior parte das fontes coinciden en que haberá poucos movementos e respectaranse os 'galóns' de Feijóo, e mesmo que o período se prolongue "uns meses". En todo caso, subliñan que, ata que o dirixente galego fale, todos os escenarios están abertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta