Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 16:38
Os Bonos Corazón para o compostelán barrio de San Pedro, cos que se busca compensar as perdas de comerciantes polo atraso nas obras de Concheiros, estarán operativos entre o 11 de marzo e o 31 de maio. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que uns días antes do 11 de marzo os comercios e locais de hostalaría da zona poderán adherirse á iniciativa.
Na mañá deste luns, o rexedor reuniuse coa asociación de comerciantes de Concheiros, coa que se acordou estes prazos para usar os bonos. Explica que se escolleu esta data porque, aínda que non estará finalizada a totalidade da obra de Concheiros, si o estará a maior parte desta.
Doutra banda, o alcalde manifestou que unha vez terminen as obras que dependen da Xunta no cruzamento entre Concheiros e a Avenida de Lugo revisarán todo "para ver se hai que pór seguridade a maiores", xa que algúns veciños queixáronse de que pode ser perigoso para os peóns.
"É unha zona na que debe ter un peso moi importante o uso peonil", manifestou o rexedor. Así, o máis probable é que vaia a funcionar como a rúa de O Hórreo, na que o límite de velocidade vai ser 10 quilómetros por hora, "como moito 20".
CARBALLO DE CONXO
Doutra banda, este luns é o último día para votar para que o Carballo do Conxo sexa seleccionado como árbore europea do ano. O alcalde cualificou esta iniciativa como unha noticia "moi bonita" e "moi diferente" que transmite unha idea moi distinta ás que chegaron nos últimos días.
"O 'carballo' transmítenos unha imaxe de forza e de que calquera situación, por difícil que pareza, pode ser superada", expresou Bugallo.
Así mesmo, lembrou que o 'carballo' leva 250 anos vivo e que ante el pasaron todo tipo de guerras. "Todos temos que aprender do 'carballo' a superar todas as crises e dificultades", agega. En referencia a que na competición tamén hai unha árbore rusa, Bugallo incidiu en que: "Deben ser un emblema de paz e daquilo que nos une".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.