Esta é a historia dun alto cargo que leva de baixa meses pero non ten problema de exercer de alcalde

O Consorcio Contraincendios de Ourense ten un "director técnico". Un posto que está vacante tras unha longa baixa de quen o ocupa, o alcalde de Laza. Desde entón, ninguén fai as súas funcións, entre elas, os informes de sinistros, como o que leva pedindo desde hai un mes un transportista rumano que cada semana se ten que desviar da súa ruta para ver se llelo dan.

Por Galicia Confidencial | Verín | 18/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Había unha vez unha institución que pretendía estar ao servizo do pobo. Era unha necesidade dunha boa parte da Galicia baleirada que pedía, a berros, ter un servizo profesional de bombeiros para unha das zonas de Galicia que máis arde. E, por iso, creouse o consorcio provincial de bomberos de Ourense (que xestiona os parques de Valdeorras, A Rúa Xinzo de Limia, Verín e O Carballiño).

José Ramón Barreal, ex alcalde de Laza, do PP
José Ramón Barreal, ex alcalde de Laza, do PP | Fonte: Diario do Támega

 

Un organismo que foi ben visto e benvido, pero que, aos poucos da súa creación xa acumulaba problemas. De feito, esta institución leva meses coa xestión do día a día "abandonada e paralizada", segundo denuncian traballadores e cargos directivos consultados por GC. O motivo, a baixa continuada desde hai meses do seu director técnico, José Ramón Barreal, alcalde de Laza.

 

UN CARGO "AD HOC"?


Pero, para entender o que está pasando no consorcio provincial de bombeiros de Ourense hai que ir por partes. Este cargo, o de director técnico, foi polémico desde a súa creación xa que non estaba previsto no organigrama inicial desta institución. Pero nel acabou aterrando Barreal en 2019, un nomeamento fortemente criticado polos sindicatos que o consideran "completamente político" e "sen sentido". De feito, Barreal fora nomeado inicialmente, e sendo aínda alcalde de Laza, como vicexerente, en 2016, pero tras a forte presión sindical e política, acabouselle creando ese novo "posto ad hoc".

 

Barreal estivo desde principios de 2020 de baixa. Incorporouse a comezos de novembro de 2021 pero a finais de xaneiro de  2022 colleu as vacacións que tiña atrasadas e despois volveu coller a baixa. Volveu incorporarse uns días máis e novamente colleu outra baixa.  As súas funcións son fundamentais para o funcionamento do servizo e a día de hoxe non hai ninguén que as realice.

 

Así, por exemplo, non se están emitindo os informes dos sinistros que son frecuentemente requeridos por compañías de seguros e corpos e forzas de seguridade do estado. Hai persoas esperando a cobrar unha indemnización dunha compañía de seguros que non se fai efectiva ata que a compañía teña o informe da intervención dos bombeiros. E é frecuente que acudan a este centro membros da Garda Civll que fixeron requerementos de informes de intervencións en sinistros como parte dunha investigación xudicial e que non tiveron ningún tipo de resposta.

 

Un feito que se está a corraborar nos últimos meses. Segundo as fontes consultadas por Galicia Confidencial "hai moito traballo que non se está facendo" tras as súas baixas continuadas. De feito, e tal e como este medio puido comprobar, hai profesionais do transporte que levan máis dun mes agardando polo informe dun sinistro. É o caso de Constin (nome ficticio para non revelar a súa verdadeira identidade por temor a represalias), un camioneiro rumano, que precisa ese documento para cobrar do seguro.

 

"SE ESTÁ DE BAIXA ALGUÉN TERÁ QUE FACER O SEU TRABALLO"

 

Nunha das súas viaxes e, por problemas técnicos, ardeulle unha furgoneta. Tras a intervención dos bombeiros de Verín, o seguro pídelle un informe por parte do Consorcio que non dá conseguido. Este conductor fai rutas internacionais, tense que desviar habitualmente do seu camiño para acudir a Verín para que lle dean este documento e todas as veces que acudiu recibe excusas. "Foi ao consorcio varias veces e non o atenden. Chamou e dínlle que non llo poden dar. Dixeronlle que chamara á Deputación e na Deputación que chamara a Ramón Barreal. Cando me colleu díxome que estaba de baixa e que non podía facer nada", afirma unha coñecida que fai de traductora e que está tentando axudalo xa que el non coñece a lingua.

 

"Pois se está de baixa alguén terá que facer o seu traballo, non?", pregúntase. E mentres, o transportista segue sen ter un informe de sinistros que é fundamental para que poida manter o seu traballo, especialmente, nos tempos que corren.

 

OUTRAS FUNCIÓNS

 

Outra función do director técnico é a fiscalización do cumprimento da empresa adxudicataria das súas obrigas na prestación do servizo. Prevención de riscos, mantemento de equipos, reposicións e revisións de material, todo iso está funcionando moi irregularmente ante a ausencia da persoa que ostenta ese posto. A elaboración de protocolos tamén está entre as funcións e a día de hoxe son inexistentes.

 

"É imprescindible que o Consorcio cubra a praza de director técnico cunha persoa interina mentres o titular se atope de baixa, as súas funcións son imprescindibles para o bo funcionamento do servizo de bombeiros na provincia de Ourense", indican fontes consultadas do organismo.  Din que o actual xerente Celso Conde asume o traballo que xa ten, e nada máis, e o presidente do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento, o deputado provincial do PP Pablo López, "segue sen resolver o caos organizativo" que deixou a baixa de José Ramón Barreal.

 

"TODO FUNCIONA CORRECTAMENTE"

 

Pero Pablo López, asegura que todo funciona correctamente e nega que as actividades que facía Ramón Barreal non se estean realizando. En declaracións a Galicia Confidencial insiste e que "hai un acordo" entre os xefes de parque e o xerente do consorcio para realizar as funcións que antes facía o director técnico.  "Eu non teño ningún tipo de reclamación, nin de papel, de que non se está cumplimentando o servizo que antes facía o director, nin ninguén me preguntou nada na última xuntanza do consorcio", afirma.

 

"O tema de fondo nisto é que en realidade lle deron unha praza a Barreal por ser alcalde do PP e para non chamar moito a atención pois puxeronlle unhas funcións importantes e que requiren dedicación. Pero semella que tras a súa baixa definitiva e cun bo soldo que lle vai quedar, ninguén vai cubrir ese posto", denuncian as fontes consultadas.

 

"NAS MIÑAS CONDICIÓNS NO PODO IR TRABALLAR"

 

Pola súa banda, Barreal insiste en que el está de baixa por un accidente de tráfico que derivou nunha hernia discal. "E polo tanto no podo ir traballar e isto está confirmado pola inspección médica", di. Asegura que se incorporou dúas veces a traballar pero, debido ao seu estado, non puido continuar.

 

En declaracións ao GC, Barreal di que este mesmo luns foi operado e dado de alta hospitalaria este xoves. "E polo tanto, nestas condicións non podo ir traballar", di. De feito, volve ter outra baixa por seis meses máis. "Para vir a traballar aquí non pode pero si para exercer de alcalde", critica un integrante do parque de bombeiros consultado.

 

Sobre o traballo paralizado no consorcio suxire que debería ser un xefe de parque o que faga ese cometido pero que el "non vai nin pode organizar o seu traballo". "Eu non podo facer nada, nin firmar nada porque sería nulo na miña situación", asegura tras o caos que existe pola súa baixa. "Eu o que pase alí xa non podo responder aínda que me chame a xente a min", asegura.

 

Problemas e escusas das que non sabe o transportista que segue desviandose semanalmente da súa ruta para tentar conseguir un informe que é vital para cobrar do seguro e poder seguir traballando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta