Galicia segue á cabeza da vacinación infantil no Estado

A taxa de inoculados chega ao 83% fronte ao 57% da media, se ben se trata só de primeiras doses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Os servizos sanitarios de Galicia administraron nas últimas horas outras 8.728 doses da vacina contra a Covid, e 7.740 persoas máis completaron a pauta de inmunización, segundo os datos publicados este mércores pola Consellería de Sanidade. Así, o 'Cronómetro de Vacinación' do Sergas reflicte que, ata o momento, foron administradas en Galicia 6.547.394 doses da vacina, e hai 2.462.249 persoas coa pauta completa. Isto supón que está inmunizada o 91,19% da poboación total da Comunidade.

Por grupos de poboación, por vulnerabilidade, hai 18.122 cidadáns de alto risco coa pauta completa; 16.349 pacientes non institucionalizados e 27.740 institucionalizados. Pola súa banda, 2.279.379 terminaron o proceso chamados pola súa idade. Por probabilidade de exposición, 76.327 profesionais do ámbito sanitario teñen pauta completa, 28.793 do sociosanitario e 14.803 traballadores de actividades consideradas esenciais tamén a recibiron.

VACINACIÓN INFANTIL

Con respecto á vacinación infantil --os datos de Sanidade non separan o grupo etario principal da poboación pediátrica en fase de inmunización de 5 a 11 anos-- foron vacinados ata a data 117.537 menores de 10 a 14 anos de idade e 86.214 de cinco a nove anos. Segundo as últimas cifras actualizadas polo Ministerio de Sanidade o xoves 3 de marzo, con respecto ás doses administradas ata o día 2de marzo, Galicia vacinou con polo menos unha picada a 127.891 de entre cinco e 11 anos, dunha poboación diana de 153.059 menores, o que supón o 83,6%, fronte á media de España do 57,5%.

O mesmo informe do Ministerio de Sanidade reflicte que contan con pauta completa entre a poboación pediátrica chamada a recibir a vacina o 21,8%, que representan 33.430 nenos e nenas de cinco a 11 anos.

Vacinación en Santiago de Compostela / Europa Press.   / Europa Press
Vacinación en Santiago de Compostela / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta