O PP galego "xa bota de menos" a Feijóo e promete unha sucesión "ordenada e sosegada"

Feijóo xa anticipou que compaxinará inicialmente Xunta e PP, e avanzou que as decisións sobre a súa substitución serán "previsibles".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

"Aínda non se foi e xa o botamos de menos". Así o recoñeceu este venres o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en relación á decisión de Alberto Núñez Feijóo de optar a liderar o PP. Ao tempo, ratificou que a sucesión do seu xefe de filas tanto no partido como na Xunta será "ordenada, tranquila e sosegada".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: PPdeG.

Tellado secundou a mensaxe xa lanzada polo propio Feijóo en relación a que a prioridade orgánica agora é o congreso extraordinario dos días 1 e 2 de abril en Sevilla, e non toca polo momento falar da substitución. Cando o sexa, acometerase de forma "responsable, ordenada e tranquila".

Non en balde, o propio presidente avanzou xa que a súa intención inicial é compaxinar a Presidencia do PP e da Xunta nun período de transición inicial.

Pola súa banda, o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evitou este venres en Ourense dar pistas concretas sobre como articulará o seu proxecto para o PP unha vez que vexa ratificado o seu liderado no congreso extraordinario de Sevilla dos días 1 e 2 de abril. "Aínda queda algún período de xestación", limitouse a contestar, a preguntas dos xornalistas.

Aínda que Feijóo dixo que ten "planificados" marzo e abril, hai cargos do PP galego consultados por Europa Press que apuntan que abril podería ser o mes elixido para fixar o calendario e que, en función do equipo do que se rodee en Génova, permanecer algunhas semanas máis en Galicia, incluso algún mes máis.

En xeral, as fontes consultadas coinciden en que terá que solucionar a súa situación antes de que finalice o actual período de sesións na Cámara autonómica, que, chegado o momento, tería que autorizar a súa designación como senador para abrirlle as portas das Cortes. O horizonte máximo para a partida definitiva de Feijóo albiscaríase en torno ao verán.

En canto ao que sucederá co partido, todas as fórmulas que permiten os estatutos populares están sobre a mesa, pero gaña adeptos a idea de que, na liña coa mensaxe dunha substitución sen ruído, poderíase optar porque o propio Tellado se faga cargo do partido temporalmente ata que se ratifique a substitución da Xunta.

Cando isto suceda, o natural no PPdeG é que o mesmo líder estea á fronte da Xunta e do partido, polo que o presidente da Xunta tamén sería ratificado como líder dos populares galegos. A vía menos ruidosa é a elección a través do Comité Executivo, plenamente vixente, tendo en conta que o PPdeG celebrou un congreso ordinario o pasado verán.

Un congreso extraordinario sempre podería ocasionar máis tensións, aínda que as distintas fontes consultadas apuntan a que a situación do partido é de "calma" e respecto aos "galóns" de Feijóo. Aos principais dirixentes non lles interesaría moverse ou caer en enfrontamentos ás portas xa das próximas eleccións municipais.

"SEGUIREMOS ESTANDO Á ALTURA"

Escenarios e cábalas políticas á marxe, Tellado evitou este venres falar de certezas e, aínda que Feijóo avanzou "respostas previsibles" ante preguntas sobre, por exemplo, o papel que terá o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, á cabeza nas quinielas da sucesión, o secretario xeral manifestou a súa convicción de que todo o partido seguirá "estando á altura".

"Todos estaremos á altura", limitouse a manifestar, tras ser preguntado polo feito de que el mesmo, como deputado, podería estar na terna de candidatos a suceder a Feijóo na Xunta --é necesario ter unha acta no Pazo do Hórreo para poder acceder ser presidente de Galicia--.

TAREFAS DA XUNTA, "ATENDIDAS"

Ao tempo, o secretario xeral do PPdeG salientou que Feijóo non desatende as súas tarefas como presidente e esgrimiu que as cuestións da autonomía estarán "permanentemente atendidas" tamén cando se meta de cheo na campaña interna para o congreso.

"Todo está en orde", esgrimiu, fronte ás críticas da oposición, antes de advertir que a líder do BNG, Ana Pontón, "é a única galega" á que lle urxe que "marche Feijóo".

A Pontón, afeoulle que leva 18 anos en política e que o BNG perdeu "sucesivamente" todas as eleccións. Recomendoulle "tranquilidade e acougo", facer "propostas" e dedicarse "a moderar" o seu partido. De feito, responsabilizouna de "radicalización", de "mimetizar" ao Bloque cos nacionalistas vascos e cataláns, e de facer "moderado" a Xosé Manuel Beiras.

Ao xefe de filas dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, botoulle en cara que critique que Feijóo vaia compatibilizar temporalmente un cargo orgánico e a Presidencia da Xunta cando Formoso é "secretario xeral do PSdeG, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña".

"Calma, paciencia e tranquilidade. Farémolo con responsabilidade e acertando. Feijóo leva acertando nas súas decisións desde que se puxo á fronte do PP e nada fai pensar agora que nos vaiamos equivocar", esgrimiu, para concluír que en ningún momento, nin sequera no período previo de campaña de Feijóo, vai estar "desatendida" Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta