Sés desembarca en Arxentina, Uruguai e Chile co seu traballo 'Liberar as arterias'

Actuará durante este mes de marzo en varias cidades do continente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

Con valente mensaxe e alma de cantareira, María Xosé Silvar, máis coñecida como SÉS, inicia un percorrido musical por América de norte a sur, facendo paradas en Arxentina, Uruguai e Chile, para presentar o seu traballo 'Liberar as Arterias' durante este mes de marzo.

María Xosé Silvar, SÉS
María Xosé Silvar, SÉS | Fonte: arquivo

Esta xira iniciarase na sala Café Berlín de Buenos Aires o mércores 9 de marzo, nun concerto no que compartirá escenario coa cantante, percusionista e compositora arxentina Vivi Pozzebón. A seguinte parada será en Montevideo (Uruguai), o sábado 12 de marzo, cun concerto na Sala Hugo Balzo do Auditorio Nacional Sodre.

Logo regresará por terras arxentinas para actuar en directo no Studio Theater de Córdoba o xoves 17 de marzo, de novo xunto a Vivi Pozzebón e Luciana Jury; e no Centro Cultural Parque de España en Rosario, o venres 18 de marzo. Na última etapa desta xira, SÉS viaxará ata Chile para ofrecer un concerto no Teatro Municipal de San Joaquín de Santiago de Chile, o domingo 20 de marzo.

Considerada unha referente na escena musical galega, na que destaca polo seu carisma e o seu poderoso directo, SÉS estará acompaña nesta andaina americana polo guitarrista Perico Calviño e por Sabela Galbán, voz, frauta, acordeón, gaita e percusións.      

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta