Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 21:35
O Salón de Plenos do Concello de Muros acolleu este venres o acto de firma da solicitude de inscrición do marisqueo da Ría de Muros-Noia no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase do primeiro trámite formal necesario para conseguir o obxectivo final da declaración da cultura do marisqueo da Ría de Muros-Noia como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
O acordo foi asinado polos alcaldes de Muros, Noia, Outes e Porto do Son, así como polos patróns maiores de Muros, Noia, Portosín e Porto do Son. Os promotores da iniciativa contan, ademais, co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Sede de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible.
PUNTO DE INFLEXIÓN
A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asegurou que "isto é algo moi importante, é un
punto de inflexión no futuro do marisqueo e na riqueza da nosa ría. É un recoñecemento a un traballo que se fai dende tempos inmemoriais ata hoxe. Unha posta en valor da riqueza da
nosa ría e do traballo das nosas mulleres". Pola súa banda, o patrón maior de Muros, Daniel Formoso, destacou tamén "a importancia deste acto, porque a ría de Muros e Noia non entenderíase sen o marisqueo". Así mesmo, indicou que hai que "involucar as novas xeracións porque hoxe en día vese que se pode vivir disto".
LIBRO DE APOIO Á CANDIDATURA
Antes da firma formal do documento, a antropóloga Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, presentou a monografía 'Cultura do marisqueo na ría de Muros Noia', cuxa edición foi financiada polas Confrarías de Pescadores de Porto do Son e de Muros a través do GALP Costa Sostible, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Guadalupe Jiménez explicou que a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO se sostén sobre tres alicerces: que o patrimonio non é só o físico, senón tamén os costumes; que eses usos ou costumes teñen que ter como protagonistas a persoas; e que ten que contar cun compoñente social como o respecto aos dereitos básicos ou compromiso coa igualdade.
PROCEDEMENTO
Unha vez asinada a solicitude formal de inscrición do Marisqueo da Ría de Muros Noia no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, o seguinte paso será presentar dito acordo e material complementario ante a Xunta de Galicia, algo que terá lugar este mesmo mes de marzo.
Unha vez conseguida a categoría de Patrimonio Cultural de Galicia, elevarase a petición ao Ministerio de Cultura para que faga o propio ante a UNESCO. Para incrementar as posibilidades da candidatura, os promotores da iniciativa levan meses traballando conxuntamente coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca de Chile, entidade coa que se pretende presentar unha candidatura conxunta para declarar Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO o marisqueo da Ría de Muros-Noia e a recolección de beira de Chiloé e Tenglo (Chile).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.