Ampliado o acceso á plataforma de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares

O acceso á plataforma dixital estará vinculado directamente ao equipo de cada biblioteca, que xestionará o acceso dos diferentes usuarios. Segundo explican, E-LBE.2 contempla dous perfís diferentes de usuario --alumno/familia e docente--, con diferentes posibilidades en canto ao préstamo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ampliou o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición dos centros integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) unha ferramenta que "enriquecerá as súas coleccións". En total están accesibles máis de 3500 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (computador, tableta, móbil...), con dispoñibilidade de lectura en liña e fuerade liña e para todos os usuarios (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.

"Os fondos de E-LBE.2 son variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que seguen as bibliotecas escolares galegas", destacan. A plataforma organízase en coleccións con temáticas específicas, entre as que figuran a aprendizaxe de idiomas, a robótica, a saúde,a nutrición, os materiais de apoio ás diferentes materias que se imparten nos centros, así como o acceso a revistas e literatura para todos os ciclos e etapas, entre outras.

Os contidos da plataforma están dispoñibles en diferentes linguas, "con especial atención a presenza de materiais en galego". O sistema está dotado dun catálogo intelixente que ofrece recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos usuarios, así como dun módulo de accesibilidade para axudar aos lectores con ferramentas como tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.

O acceso á plataforma dixital estará vinculado directamente ao equipo de cada biblioteca, que xestionará o acceso dos diferentes usuarios. Segundo explican, E-LBE.2 contempla dous perfís diferentes de usuario --alumno/familia e docente--, con diferentes posibilidades en canto ao préstamo.

Así, un estudante pode obter en préstamo ata dous títulos de maneira simultánea, dun máximo de 10 títulos no presente curso escolar; mentres que os docentes poden acceder ao préstamo de ata dous títulos de maneira simultánea sen límite de préstamos.

Libros e ordenador na biblioteca dun centro escolar
Libros e ordenador na biblioteca dun centro escolar | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta