A Xunta pide ao Estado medidas "urxentes e resolutivas" para o agro galego

Medio Rural reclama que se cumpran os servizos mínimos no transporte para que se garanta o abastecemento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia pediu a implicación do Goberno do Estado para actuar de forma extraordinaria, urxente e resolutiva co fin de frear canto antes a situación de venda a perdas xeneralizada no sector primario. Así o trasladou este mércores en Madrid o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de participar na reunión do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e a Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

A reunión, conforme sinalou a Xunta nun comunicado, foi convocada para abordar o máis axiña posible a delicada situación dos sectores primarios en Galicia e no conxunto de España. José González destacou que acode a esta conferencia para traballar en común e de forma construtiva coas diferentes administracións, pero matizou que hai cuestións que teñen que ser decididas polo Goberno central e na Unión Europa, e que a interlocución coas instancias comunitarias lle corresponde ao Estado.

En todo caso, insistiu en ofrecer a colaboración e apoio de Galicia porque considera que se debe "trasladar unha imaxe de unidade". Neste contexto, González referiuse a cinco bloques de medidas que propón Galicia e que "están tamén consensuadas e faladas coas restantes comunidades da Cornixa Cantábrica".

Trátase de dotar de liquidez ás explotacións, de evitar o desabastecemento de cereal, de conseguir a subida de prezos pagos en orixe aos gandeiros, de ampliar as superficies destinadas á plantación de cereais e de mellorar a situación dos agricultores e gandeiros en materia fiscal.

IMPORTACIÓN DE CEREAL

Por outra banda, para evitar o desabastecemento e o encarecemento do cereal, solicítase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que continúe na liña de facilitar a importación de cereais procedentes de países que actualmente contan con limitacións, xa sexan nacionais ou comunitarias. En relación con este asunto, o conselleiro celebrou que o MAPA publicase este mesmo luns unha resolución pola que se flexibilizan temporalmente os requisitos específicos para a importación de millo de Arxentina e Brasil.

FOLGA DE TRANSPORTES

Así mesmo, sobre a folga de transportes, o conselleiro reiterou o respecto da Xunta ás reivindicacións deste sector, pero ao tempo apelou á "responsabilidade de todos" para que se cumpran os servizos mínimos, que no caso do sector primario pasan por fornecer materia prima para a alimentación dos animais, polo que se trata do seu sustento e do seu benestar.

Nesta mesma liña, González reclamou que se garanta o abastecemento das explotacións e das fábricas de pensos, porque -explicou-, chegan noticias "moi preocupantes" sobre as consecuencias da folga para o agro galego. "Mañá (polo xoves) non se recolle leite e fábricas de pensos empezan a ter problemas de desabastecemento", avisa. De tal forma, insiste en urxir ao Executivo central a actuar porque "os animais teñen que comer e as vacas téñense que muxir". O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, anunciou que o Goberno baixará a luz, o gas e a gasolina no decreto que ten previsto aprobar o 29 de marzo, haxa ou non consenso no Consello de Europa da próxima semana.

O conselleiro de Medio Rural, José González, en presentación de proxecto de aldeas intelixentes. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Medio Rural, José González, en presentación de proxecto de aldeas intelixentes. XOÁN CRESPO


Pola súa banda, o conselleiro indicou que o ministro de Agricultura, Luís Planas, relatoulles oito medidas que proporá á UE, que pasan por axudas ao sector agrario, a flexibilización da PAC e permitir importacións de cereal doutros países diferentes a Ucraína. Explica que a Xunta apoia esas peticións, pero asegura que o Goberno central ten que ser "máis ambicioso" coas decisións que son da súa competencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pool

xusto o que a consellería non fai