Temas: FUXIDAS

Paula Ballesteros: “A llla de Ons é un pozo sen fondo”

A arqueóloga Paula Ballesteros-Arias e a antropóloga Cristina Sánchez-Carretero son autoras do iBook "Ons: unha illa habitada." Trátase dun percorrido multimedia pola ocupación humana dende a prehistoria ata a actualidade nesta illa nas Rías Baixas. É produto de cinco anos de investigación dun equipo de profesionais interdisciplinares a cargo do CSIC. Paula, investigadora principal, non deixa de sorprenderse da enorme riqueza patrimonial da Illa de Ons. Fala con GCTendencias sobre o proceso de investigación e o libro resultante.

Por Ursula Neilson | Santiago | 07/06/2014 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

ebook

Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

Nunca se fixo unha investigación arqueolóxica e etnográfica tan comprensiva da Illa de Ons coma a que se presenta en Ons: unha illa habitada. Paula e o seu equipo comezaron en 2009 a estudar o pasado e o presente da ocupación humana nesta terra, que non por pequena ten menos que contar que calquera outro lugar. A illa de Ons ten tanta historia que sorprende. “A nivel de cultura material, ten un rexistro moi rico da pegada do ser humano dende a época neolítica” explícanos Paula. “Ten tres petróglifos, pegadas da época castrexa, medieval, moderna...ata a actualidade. Ons ten unha memoria histórica riquísima.”

552139_396151673825712_999837618_n

Portada do iBook en galego

“Todas as paisaxes son antrópicas”

O feito de desenvolverse nunha illa, fixo que as tradicións, a paisaxe, a toponimia, se conservasen moi ben. Todo isto analízase en Ons: Una illa habitada. ‘A súa xente’, ‘Os seus lugares’ e ‘A súa historia’ son capítulos dun mesmo libro no que todo está interrelacionado. Segundo Paula,  “non se pode falar de paisaxe natural sen falar das persoas; todas as paisaxes son antrópicas.”

Foto de pantalla do iBook
Foto de pantalla do iBook

O grado de influencia do home sobre o terreo natural é un dos moitos conflitos que ocuparon e seguen a ocupar esta vulnerable illa. Dende a súa inclusión no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas (PNIA)  en 2002, o desastre do Prestige, ata o polémico asunto da propiedade da terra (a illa foi de propiedade privada ata 1943) ou a influencia, cada vez maior, do turismo.

Para indagar na presenza humana na illa de Ons o equipo de investigadores levaron a cabo unha intensa documentación dende 2009 usando técnicas como entrevistas e observación participante, e sempre intentando basearse en fontes históricas de información. Falaron cos seus habitantes do seu pasado, das lendas de Ons, de como viviron a guerra civil, pero tamén do cotián, da pesca e da agricultura, do amor e da amizade... En fin, de todas as facetas dunha vida nunha comunidade insular tan pequena e particular como a de Ons.

552139_396151673825712_999837618_n

Foto de pantalla do iBook en castelán

“A illa de Ons é un micro-paraíso”

O reducido tamaño da illa fai que o seu estudo estea máis acoutado. “Iso dáche seguridade” di Paula, aínda que nunca é doado entrar nunha comunidade para facer unha investigación antropolóxica. Pero Paula contaba cunha vantaxe para acceder ás elementais“fontes primarias.” A súa irmá foi médico en Bueu e moitos dos seus pacientes eran da Illa de Ons. “A miña irmá foi un nexo de unión coa xente da illa. Iso abriume as portas das casas e permitiunos un acceso máis rápido e fiable” conta Paula.  “Eu coñecín a illa dende moi moza. Teño un vínculo emocional forte con ela.”

“A illa de Ons é un micro-paraíso”di Paula, pero as súas investigacións fan ver aos que normalmente só pensamos en Ons como un lugar onde pasar uns días relaxados de praia nun entorno espectacular, que hai moito máis que iso. “Ons ten moitísimo potencial material e inmaterial.” As descubertas de Paula e o seu equipo recóllense nun iBook pensado para que todos os públicos coñezan a devandita riqueza patrimonial, dende un turista que visita a illa ata escolares ou calquera persoa interesada nas historias de Ons.

552139_396151673825712_999837618_n

“Ti decides o grao de profundidade na información”

Este iBook forma parte da colección Anaina, serie electrónica de monografías promovida polo Incipit para divulgar a ciencia ao gran público a través de materiais didácticos en novos formatos. Ons: unha illa habitada é un libro multimedia e interactivo que permite escoitar os sons da illa, ver vídeos de entrevistas con seus habitantes, ver galerías de fotos ou consultar mapas e mesmo documentos históricos.

“O libro xunta todo nun só soporte, pero permite varios niveis de lectura” explica Paula. “Se estás na illa e visitas o Castrelo dos Mouros, por exemplo, podes ler esa parte do libro e ademais velo no mapa e escoitar un autóctono falando del... Ti decides o grao de profundidade na información.”

O interesado pode facer unha lectura máis básica ou máis completa, pero non lle vai faltar información. “A illa de Ons é un pozo sen fondo” segue Paula. A súa riqueza patrimonial “nútrese de moitos seres humanos” que se estende ata a actualidade: os gardas do parque, os campistas, os turistas... A historia da illa evoluciona en paralelo á flutuación da súa ocupación humana. Na actualidade, “evoluciona cara unha poboación máis estacional.” A pesar de que en Ons chegaron a vivir ata medio millar de persoas no ano 1960, agora quedan menos de 6 residentes permanentes na illa.

“Gustaríanos continuar coas investigacións das outras illas”

Ons segue a ser a única illa habitada do PNIA, no que aínda fica moito que investigar. O iBook inclúe información a modo de contextualización das demais illas atlánticas de Galicia -Cíes, Cortegada e Sálvora- dentro deste Parque Nacional, pero a Paula e a Cristina gustaríalles afondar máis na historia da presenza humana nestas illas. Segundo Paula, “non están feitas nin as tres cuartas partes” do que se podería investigar nas outras illas galegas.

Cristina Sánchez-Carretero incorporouse ás investigacións con esa idea de seguir investigando o resto das illas, pero faltoulles financiamento. “Polo momento, nestes casos limitámonos ao estudo do seu patrimonio arqueolóxico. Porén, gustaríanos continuar coas investigacións integrais da mesma forma que se fixo para Ons. Iso depende, sobre todo, de atopar formas economicamente viables para poder levalo a cabo” informou nun comunicado Cristina Sánchez Carretero.

Aínda que Ons: unha illa habitada presentouse por primeira vez o pasado 14 de maio en Vigo, haberá outra presentación en Bueu o día 19 de xuño. Agárdase que haxa novas presentacións proximamente na propia Illa de Ons e tamén no Museo de Pobo Galego en Santiago, onde actualmente pódese visitar a exposición de fotografía ‘A illa de Ons, unha cultura, unha identidade.’

Ons: unha illa habitada está dispoñible en galego, castelán e inglés na iBooks Store de Apple e pódese descargar de forma gratuíta en http://bit.ly/QI2rXx. Espérase que proximamente estea dispoñible en formato ebook. 

Portada do iBook
Portada do iBook
Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta