Dez empresas interésanse en impulsar novos centros de fabricación avanzada en Galicia

Este é o paso previo ao desenvolvemento de liñas de axuda que permitirán impulsar centros e instalacións colaborativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2022 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A Xunta recibiu dez candidaturas de empresas e entidades interesadas en impulsar en Galicia novos centros de fabricación avanzada. Estas empresas presentaron no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) as súas ideas para activar fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados.

Segundo trasladou a Vicepresidencia segunda, este é o paso previo ao desenvolvemento de liñas de axuda que permitirán impulsar centros e instalacións colaborativas, ademais de optimizar o deseño dunha nova liña de axuda no marco da Axenda Industria 4.0, que promove a presenza de infraestruturas adecuadas como un dos factores determinantes para mellorar a competitividade das pemes galegas.

Así mesmo, destacaron que tras a primeira consulta deste tipo, impulsáronse en Galicia sete centros de fabricación avanzada en diversos sectores industriais, como o TIC, o biotecnológico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario.

En concreto, a Xunta destinou case 5 millóns de euros para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña; 4,3 millóns de euros a un centro loxístico de automoción no Porriño; máis de 4 millóns ao centro biotecnológico do Tambre, en Santiago; 2 millóns de euros a un centro de tratamentos térmicos de aceiro, en Narón; 370.000 euros ao Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, en Vilagarcía de Arousa; 2,4 millóns de euros para unha planta piloto de Inleit en Curtis e 2,5 millóns á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis.

Nesta ocasión, as iniciativas presentadas relaciónanse coa fabricación innovadora, co aluguer de espazos compartidos en función do grao de especialización, coa activación de infraestruturas de demostración e ensaio, ou co fomento de servizos compartidos entre os solicitantes.

Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía
Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía | Fonte: www.emaze.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta