Por gcdeportes | Vigo | 08/06/2014 | Actualizada ás 09:54
Un ano máis na elite do rugby. Toda unha proeza do Vigo Rugby Club, que nas Lagoas remontou os 19 puntos de desvantaxe da ida e gañou 38-11, tras chegar ao descanso 18-11. Foi nun segundo tempo memorable, cun parcial de 20-0, para acadar o premio final dunha tempada máis entre os grandes, a cuarta consecutiva na División de Honra.
O partido saiu segundo o guion previsto polos adestradores vigueses, con David Monreal, xogador-adestrador, saíndo desta volta dende o inicio: atacando e gañando metros, co traballo de desgaste dos oito dianteiros e cun Maka Tatafu imparable preto das agrupacións. Abriron oco dende o principio os vigueses: 13-3 con dous ensaios de Prieto e De Cabo e un golpeo de Jeremy Simon e 18-6 tralo ensaio de Abadía, pero achegáronse os cataláns no último minuto antes do descanso (18-11).
No segundo tempo, co vento a favor e un Sant Cugat canso, o Vigo Rugby deulle a volta a eliminatoria para ledicia dos mil seareiros. O eterno Monreal e Maka Tatafu fixeron dous ensaios e Jeremy Simon, dous golpes de castigo para o 38-11 final. O público invadiu o terreo de xogo para celebrar a xesta cos seus. Vigo disputará dun ano máis na elite.
Ficha técnica
Blusens Universidade de Vigo 38: Marcos Muñiz, Vicente Prieto, Maka Tatafu, Carlos López Marqués, David Monreal, Javier Abadía, Alejandro Blanco, Jeremy Simon, Nate George, Mauro González, Jor Reynolds, Javier Parga, Carlos de Cabo e Adolfo Uruburo. Tamén xogaron: David Redondo, Oscar Ferreras e Rubén Rodríguez.
Rugby Sant Cugat 11: Josep Playa, Jordi Segura, Gabrial Pugliese, Nicolás Góez, Andrés Rangel, Pierre Lartigau, Sergi Lafuente, Juan Sorrequieta, Pol Gómez, Iñaki Berasategui, Pol Pla, Bruno Granell, Juan Losada, Pedro Guadanero e Daniel Reyes. También xogaron: Mateu Angudo, Xavier Mata, Lucas Ruagina, Nico Romano, Federico Gómez, Abraham Gómez e Pol Pérez.
Tanteador: 5-0: ensaio de Prieto (minuto 2). 5-3: golpe de castigo de Berasategui (14’).
8-3: golpe de castigo de Simon (19’). 13-3: ensaio De Cabo (23’). 13-6: drop de Berasategui (25’). 18-6: ensaio de Abadía (37’). 18-11: ensaio de Federico Gómez (40’). DESCANSO
25-11: ensaio de Monreal, transformado por Simon (42’). 28-11: golpe de castigo de Simon (45’). 35-11: ensaio de Maka Tatafu, transformado por Simon (55’). 38-11: golpe castigo de Simon (73’).
Incidencias: 1.000 afeccionados nas Lagoas. O árbitro Félix Villegas amosou amarelas a Berlande e Monreal nos locais e a Sorrequieta no Sant Cugat. O partido comezou con vinte minutos de retraso: o Sant Cugat chegou a Vigo apenas unha hora antes do encontro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.