O BNG insta o Goberno central a continuar a procura dos mariñeiros do 'Villa de Pitanxo'

Néstor Rego ten a "certeza" de que se fosen "soldados da mariña española" no canto de "mariñeiros galegos" faríanse "todos os esforzos".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/03/2022 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou este luns que rexistrará novas iniciativas para esixirlle ao Goberno central que renove a procura dos 21 mariñeiros desaparecidos no naufraxio do 'Villa de Pitanxo'.

O deputado do BNG, Néstor
O deputado do BNG, Néstor | Fonte: Isabel Infantes - Europa Press - Arquivo.

Rego cualificou de "vergoñoso" que a administración española comunicase aos familiares que renuncia á procura dos falecidos por non consideralo "viable". Por este motivo, solicitan ao Executivo de Pedro Sánchez que "rectifique".

O nacionalista denunciou que o Goberno central se comprometeu publicamente a buscar os medios para localizar e descender ao buque pero, transcorrido un prazo "máis que prudencial" sen actuar, agora sinalan que "non se acometerá esa operación".

Así, Néstor Rego indicou que, fronte á "actitude inaudita" do Executivo, o BNG "apoia a baixada ao pecio para estudar a situación e a mellor maneira de rescatar os falecidos".

Ademais, o deputado criticou as explicacións achegadas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que a semana pasada aseguraba que "non era posible chegar ao barco". Rego argumentou que o Estado ten medios "máis que suficientes", incluídas "fragatas da armada", para poder realizar esta operación.

Por outra banda, lamentou que, "aínda que é triste", ten a "certeza" de que se os desaparecidos fosen "soldados da mariña española" no canto de "mariñeiros galegos" faríanse "todos os esforzos posibles para rescatalos". Neste sentido, sentenciou que os mariñeiros galegos "non son menos que ninguén e merecen o mesmo respecto".

Néstor Rego tamén defendeu a postura das familias ao sinalar que a Fiscalía apuntou a existencia de "indicios de homicidio imprudente" no afundimento, polo que "con máis razón", consideran que o visionado do estado do barco achegaría datos para "o bo discorrer" da investigación e, en consecuencia, para o "esclarecemento da verdade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta