O novo escenario político

Os tempos en política son curtos. Períodos cíclicos de acción intensa e de posterior reflexión. Agora toca pensar na política municipal, a máis próxima á cidadanía, aquela que ostenta a competencia dos servizos sociais máis básicos.

Por Rosa Rodríguez Sales | A Coruña | 10/06/2014

Comparte esta noticia

Acabamos de pechar un período electoral a nivel europeo que calou na sociedade nun espectro máis amplo do que se esperaba, mobilizando as conciencias. Un golpe duro ao bipartidismo, ao menos de feito, un alento para os partidos políticos e movementos sociais que defenden un cambio de modelo máis xusto e igualitario. Niso debemos seguir traballando.

Desde EQUO Galicia, e desde EQUO, como partido político que concorreu con outros dez partidos a estas europeas baixo a denominación de “Primavera Europea”, estamos satisfeitos co resultado obtido aínda que a nosa meta é seguir ampliando a confianza da cidadanía.

Vimos de conseguir un eurodeputado con moito esforzo e dedicación. O Partido Verde en España e en Galicia xa ten representación na política europea. En Galicia mantivemos a nosa proporción de votos de comicios anteriores e aumentámola en cidades como Vigo e A Coruña, e obtemos os primeiros votos en Lugo.

A falta de visibilidade nos medios, a omisión informativa en base a un reparto de tempos e espazos inxusto, foi un óbice importante para que un maior número de cidadáns non coñeceran o noso proxecto consolidado e o noso programa electoral amplo elaborado pola cidadanía, problema este baseado na existencia dunha lei electoral inxusta.

Debido a cuestións históricas en España, o pensamento verde de gran importancia na maioría de países europeos e o Partido Verde, que nas institucións europeas está tendo unha influencia positiva nas políticas actuais, ten que reivindicar o seu espazo político con máis esforzo que outros pensamentos xa instaurados política e historicamente.

Non temos un “Planeta B”, e a crise ecolóxica existe e é grave, sumada á crise política, económica e social. Non defendemos o crecemento, senón a sostibilidade en todos os ámbitos.

EQUO é o referente en España do Partido Verde Europeo, cuarto grupo do Parlamento Europeo, polo que a súa influencia vai ser crucial nos anos vindeiros. O “Verde” é o futuro e EQUO e EQUO Galicia ocupan ese espazo político.

As políticas que defendemos en todos os ámbitos levámolas á práctica, e a democracia participativa é unha das liñas vermellas. Por iniciativa do Deputado de EQUO-Compromís no Congreso dos Deputados, Joan Baldoví, o grupo mixto foi o primeiro en presentar o pasado día 2 de xuño, unha iniciativa parlamentaria de solicitude de referéndum para que a cidadanía decida a forma de Estado, Monarquía vs República.

En EQUO Galicia atopámonos nun período de reflexión sobre AGE, a coalición á que a nivel autonómico pertencemos de facto. Proximamente solicitaremos a convocatoria da coordinadora política de AGE, órgano político da coalición que non se reúne polo bloqueo dosoutros partidos. Na mesma presentaremos un informe de avaliación desde que se creou a coalición, anteriormente sometido á decisión dos nosos afiliados e simpatizantes.

Entendemos que AGE para seguir subsistindo como tal, debe dar un xiro na súa organización interna. EQUO demandará entre outros elementos, máis transparencia , traballo conxunto honesto e radicalidade democrática, sinais de identidade marcados nas nosas normas de funcionamento, coherentes cos nosos valores de democracia participativa, equidade social e ecoloxía política.

Os mecanismos para as municipais están en marcha. EQUO Galicia xa está traballando neles e tras abrir un proceso participativo en tempo e forma aos nosos afiliados e simpatizantes para elixir unha comisión de negociación e un documento de mínimos que deberán ser aprobados en Asemblea, proporá un ámbito de colaboración e diálogo en base á creación dunha “cooperativa política” de partidos e movementos, de iguais a iguais, que defendan o cambio de modelo, que teñan como base a elección de candidatos mediante primarias abertas e que defendan unha política municipal afastada da corrupción, poñendo ao cidadán no centro do traballo do goberno municipal.

Entendemos a política como ferramenta de cambio real, e os comicios municipais, os de proximidade, son aqueles que informan a calquera partido político das necesidades do día a día da xente.

Nós non dicimos “achegan” porque nós somos a xente, transmisores das demandas cidadás. Somos un partido definido como asembleario e horizontal. Queremos que as persoas sexan as que fagan os mitins na rúa, a micrófono aberto, as que ao mesmo nivel, nos conten que lles preocupa e que podemos facer por eles.

EQUO Galicia é o Partido Verde nesta terra. Esta terra, Galicia, na que tanta importancia ten a defensa do medio ambiente no que vivimos, sobre todo no rural, e que podemos convertir na base da nosa economía produtiva a través do emprego verde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rosa Rodríguez Sales Rosa Rodríguez Sales naceu en Madrid en 1983. Licenciada en Dereito pola Universidade Complutense. Abogada. Residiendo en Galicia dende outubro de 2012. Covoceira de EQUO Galicia dende mediados de 2013. Defende o público como elemento definidor da igualdade de oportunidades e a ecoloxía política como xustiza social e medioambiental. "Non temos un Planeta B, os recursos son limitados, o verde é o futuro", di. Descubrindo e participando da diversidade galega, da súa cultura e lingua.