Martín Lázaro, oncólogo: "o desexo é que todos e todas teñamos as mesmas opcións fronte ao cancro"

Martín Lázaro é oncólogo e presidente da rama local en Vigo da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). O xoves día 31 de marzo foi elixido como o Día Mundial contra o Cancro de Colon, unha doenza que pode terse acelerado co actual ritmo de vida en países desenvolvidos e, no caso galego, o envellecemento da poboación pode ser outro risco engadido a padecer este tipo de enfermidade.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Consultando o informe Impacto del cáncer en España: una  aproximación a la inequidad y los determinantes sociales, quixera preguntarlle que é a “inequidade” dentro do contexto do informe e do cancro.
A inequidade fai referencia a que aínda hai algunha discrepancia no tocante a varios aspectos. Un é respecto da localización, por exemplo hai programas de cribado contra o cancro que non se implementaron totalmente nalgunhas comunidades, mais si sabemos que haberá implementación deses programas. Outro aspecto apunta a factores de desigualdade como pode ser o nivel socioeconómico, non é o mesmo a atención no Sistema Nacional de Saúde, con fármacos gratuítos ou tamén hai que pagar por eles se non somos pensionistas, por exemplo. Ademais, ás veces deben usarse recursos que non son gratuítos nalgunhas circunstancias e isto pode influír sobre o nivel socioeconómico. Outro factor é que non todos somos iguais. A investigación sobre certos tumores pode estar parada por seren menos frecuentes e por iso a investigación se centra en tumores máis habituais, isto é pola existencia de tumores cunha necesidade de tratamento moi específico. Tamén nese informe aparecen o risco dentro de grupos concretos de poboación como poden ser as mulleres ou persoas con algún transtorno relacionado coa ansiedade. O desexo é que todos e todas teñamos as mesmas opcións fronte a esta enfermidade.

Día Mundial contra o Cancro de Colon
Día Mundial contra o Cancro de Colon

-Un estado de depresión pode agravar ou acelerar a extensión dun cancro?
Non existe información sobre que os estados de depresión afecten á evolución dun cancro. Desde logo a noticia de padecer un cancro é algo nefasto para as expectativas vitais dunha persoa. Isto custa aceptalo e desde logo pode abrir síntomas depresivos ou parecidos e que poden ser tratados. O estado de ánimo pode afectar á maneira de enfrontarnos á enfermidade. Non é o mesmo tumor que temos previsto para un determinado tempo en base a estatísticas como dunha persoa persoa con depresión ou como vive esa persoa que non o ten, iso si afecta á calidade de vida dos pacientes.

-Unha persoa afectada pola depresión durante a enfermidade pode levala a descoidar o tratamento especificado?
Iso si que pode influír nunha persoa cun cadro depresivo, ou mesmo de negación que contemple a non realización de tratamentos ou mesmo descoidar o seguemento das citas no hospital. Tamén se poden estudar alternativas que lle resulten favorables para o doente.

Non existe información sobre que os estados de depresión afecten á evolución dun cancro

-Volvendo ao informe xa mencionado, a incidencia por cada 100.000 habitantes en Galicia é de 732, en Asturias de 754 e en Castilla y León de 751. Existen factores endóxenos ou esóxenos que poidan explicar esta incidendia?
Esas cifras son estimacións. Non temos un rexistro de tumores en Galicia, por iso a Sociedade Galega de Oncoloxía está tentando implementar este rexistro e precisamente este tema estará presente na reunión que as diferentes organizacións teremos coa Consellería de Sanidade. Non obstante, as cifras aparecidas no informe son orientativas, o que si pode influír é a idade porque os tumores coa idade son máis frecuentes. Despois hai factores externos complicados de controlar como a contaminación, en Galicia hai certa incidencia do radón e logo está o tabaco, en EE.UU., está recoñecida como a segunda causa externa de proliferación do cancro de pulmón. En tal caso, son datos aproximados.

Martín Lázaro, oncólogo
Martín Lázaro, oncólogo

-Aínda así, vendo as cifras resulta rechamante que haxa unha incidencia maior de cancro en Galicia que en lugares como Madrid ou Cataluña?
É por iso que falo de factores moi complicados de controlar como son a dieta e outros factores externos e tamén a idade, a poboación de Madrid pode ser máis nova que a media galega.

-Mañá celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Colon. Esta doenza parece afectar en Galicia nunha porcentaxe máis alta que a media do Estado.
As cifras apuntan unha detección de 3.000 casos por ano, aínda así, ocorre o mesmo que antes, son cifras estimadas pois non hai rexistros que nos digan de maneira exacta o número de casos anuais diagnosticados e  por outra parte, habería que estudar mellor esa asociación entre a enfermidade e a dieta.

-Coñécense cales son os factores predominantes para a aparición desta doenza e se se ten incrementado durante os últimos trinta ou vinte anos?
Os cambios na dieta si pode influír. A inxesta de verduras, froita e fibra pode axudar a reducir a incidencia de cáncer colorectal. Se á parte diso temos en conta factores que podemos modificar na nosa vida diaria como son o sedentarismo, a dieta ou o consumo de tabaco, posiblemente se reduciría case un 40% a incidencia deste cáncer. Hai moitas cousas que podemos facer cuxo resultado sería unha redución na mortalidade por cáncer colorectal. Todo isto sería como unha prevención primaria. Logo existen programas de detección precoz que, no caso deste cáncer en concreto, estase a implementar nalgunhas CCAA. Actualmente este cribado está desenvolvido en dez comunidades, mais esperamos que se espalle por todo o Estado en poucos anos. Galicia si que implementou o sistema de detección precoz e realiza estas probas nunha poboación que vai dos cincuenta aos sesenta e nove anos. Está previsto que nun  futuro se amplíe até os setenta e cinco anos.

Non temos un rexistro de tumores en Galicia, por iso a Sociedade Galega de Oncoloxía está tentando implementar este rexistro

-Pode haber casos de menores de cincuenta anos, incluíndo persoas menores de idade?
Si se pode diagnosticar antes dos cincuenta anos, non é frecuente mais pode suceder. Sobre afectación en adolescentes, por exemplo, non teño noticias de casos. Si teño noticias de casos en persoas de entre trinta e cinco anos e corenta, ás veces asociados a síndromes hereditarios. Non obstante, non teño certeza de que estea afectando a xente máis nova. Para ter coñecemento disto serían necesarios os rexistros.

-As persoas afectadas aceptan maioritariamente o tratamento ou é difícil que moitas persoas o sigan?
A maioría dos tumores detectados precozmente nos primeiros estadios poden curarse maioritariamente. A maioría de tumores detectados de maneira precoz teñen posibilidades de cura no 90% dos casos. Noutro sentido, un cancro de colon cunha metástase nun óso e xa sentimos dor, cando detectemos ese cancro a enfermedidade está avanzada. Aí non será poderemos eliminar o tumor, probablemente, mais si teremos tratamentos cuxa intención é prolongar a vida desa persoa cunha boa calidade. Afortunadamente, os tratamentos e non só para o cancro de colon, senón para outro tumores, melloraron durante os últimos anos. Mesmo podemos conseguir supervivencias prolongadas que antes non tiñamos.

As cifras apuntan unha detección de 3.000 casos por ano en cancro de colon

-Como evolucionou esa calidade de vida das persoas afectadas, que solucións se aplican hoxe en día?
Hai que diferenciar dúas partes. Unha é o cancro de recto e outra o de colon. No caso do colon, a maioría das veces non hai que colocar unha bolsa, como cre moita xente. Isto faise en caso de complicación que será solucionada rapidamente. Pola contra, no cancro rectal é cando ás veces se debe considerar a colocación dunha bolsa. Aínda así, cunha bolsa de colostomía pódese facer vida normal. Si é certo que iso supón un impacto na persoa porque lle cambia a imaxe corporal e os hábitos nalgún sentido, mais poderá facer vida normal e se se opera é porque poderá curarse na maioría dos casos.

-Cales son os cancros máis estraños dos que se teña coñecemento a día de hoxe?
Hai moitos casos de tumores estraños. Formo parte da Xunta Directiva do Grupo Transversal de Tumores Huérfanos Infrecuentes, un grupo que engloba persoas cun elevado interese por coñecer estas doenzas e hai moitos tumores estraños. A definición de tumor raro varía un pouco segundo os lugares, mais en Europa o tumor raro é o que ten unha incidencia de seis casos por 100.000 habitantes e ano. Se collemos todos os tumores raros coñecidos podemos ter case a cuarta parte dos tumores existentes. Son raros, mais a incidencia é relativamente alta. Hainos de células da pel, hainos que son metástases das que se descoñece a orixe pois non damos co tumor, hai tumores de partes brandas que son moi estraños, tumores da glándula suprarrenal, é dicir, hai unha variedade de tumores raros mais teñen unha incidencia moi baixa e por iso se investigan moi  pouco. Os esforzos van dirixidos cara tumores máis presentes como os de pulmón ou próstata. Por tanto, hai tumores raros sobre os que os actuais tratamentos teñen pouca incidencia. Si é certo que agora usamos máis técnicas para descubrir alteracións xenéticas ou xenómicas neses tumores e que poden axudar ás veces, para determinar a alteración para a que si temos fármacos, isto pode dar unha idea de tratamento a seguir. En definitiva, os tumores raros son un reto do día a día.

en Europa o tumor raro é o que ten unha incidencia de seis casos por 100.000 habitantes e ano

-Existen tumores que a cidadanía podería evitar cun determinado comportamento?
Os relacionados co tabaco, eses son os que mellor poderiamos evitar, os relacionados con larinxe, garganta, os tumores de pulmón e o cancro de vexiga, tamén moi relacionado co tabaquismo ou os de páncreas. O tabaco é un grande mal asociaco a moitos tumores e outras doenzas como infartos, alterancións nas arterias e outras doenzas limitantes. Outro factor a evitar é o alcohol, calquera cantidade, mesmo un vaso por día está asociado ao risco de tumores en xeral, risco pequeno mais que aumenta a medida que incrementamos a inxesta de alcohol. Evitar o sedentarismo, participar nos cribados de cancro de colon que é unha proba moi simple, mesmo nos envían o kit á casa. Tamén debemos ter coidado con algúns virus, HPV (papiloma humano) no cancro de cervis e tamén se ten observado algúns pola farinxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta