Por GC Tendencias | Santiago | 13/06/2014 | Actualizada ás 11:41
Os “Dedales de Oro” levan dende 2007 premiando a profesionais do sector da moda española e internacional. Na súa quinta edición grandes estrelas da moda comparten protagonismo con caras novas, todas “con grandes proxectos empresariais e ideas creativas.”
A Mostra do Encaixe de Camariñas, a cita de cada Semana Santa dende 1981, está presente nos Premios Dedales de Oro 2014 a través de tres dos seus colaboradores. O deseñador galego Franco Quintáns dirixiu as últimas dúas edicións da Pasarela da Mostra e leva dende 1994 incorporando nas súas creacións o Encaixe de Camariñas. Os seu nome tense escoitado nas pasarelas do sector nupcial máis internacionais: Cibeles Madrid, Gaudí Barcelona, Milán, Nova Iorque e París.
O deseñador Emilio Salinas leva vinte anos traballando no sector, nos talleres de costura dos prestixiosos modistos Petro Valverde e Lorenzo Caprile. Tamén gran apaixonado do Encaixe de Camariñas, leva participando na Pasarela da Mostra dende 2009 así como de xurado do Concurso de Noveis Deseñadores.
Máximo Arroyo leva quince anos dedicados á fotografía. Ten fotografado grandes nomes da cultura e da moda para publicacións tales como Elle México, Yo Dona ou AvenueIlustrated. Colaborou na XXIV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas participando no II Encontro de Bloggers de Moda e como xurado no Concurso de Noveis Deseñadores, así como na realización do cartel desta edición.
Os Premios “Dedales de Oro” foron fundados en 2007 pola axencia de comunicación Jacob Fitzgerald e contan coa princesa Beatrice de Orleáns como presidenta de honor e co deseñador Elio Berhanyer como conselleiro, entre outros nomes de prestixio. A gala de entrega terá lugar hoxe venres 13 no Hotel Palace de Madrid. No cea de gala Franco Quintáns lucirá unha “pajarita” realizada con Encaixe de Camariñas da súa nova colección MR FQ.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.