O BNG presenta emendas á Lei de Ciencia e Innovación para que se garantan as competencias de Galicia

Considera prioritario eliminar a precariedade laboral do persoal investigador.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/04/2022 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego presentou emendas parciais á Lei de Ciencia e Innovación entre as que reclama garantir as competencias propias en materia de ciencia para que Galicia poida deseñar e priorizar liñas de investigación en beneficio dos sectores produtivos, da maioría social e do conxunto do país.

A parlamentaria autonómica do BNG Olalla Rodil e o deputado no Congreso Néstor Rego reúnense con representantes do sector da investigación
A parlamentaria autonómica do BNG Olalla Rodil e o deputado no Congreso Néstor Rego reúnense con representantes do sector da investigación | Fonte: BNG.

No Congreso, Nestor Rego e a parlamentaria autonómica Olalla Rodil mantiveron unha reunión con representantes do sector da investigación e presentaron emendas á reforma desta lei para "resolver as diversas carencias do texto lexislativo proposto polo Goberno".

A organización nacionalista considera prioritario o obxectivo de eliminar a precariedade laboral do persoal investigador, unha cuestión para a que ve "imprescindible eliminar, entre outras cuestións, a taxa de reposición e garantir o financiamento público nos proxectos".

Á reunión, ademais dos deputados do BNG na Cámara galega e estatal, acudiron representantes da asociación ANIH, InvestiGal, investigadoras do CSIC e delegadas da CIG Ensino, e da CIG-Saúde, entre outros.

Durante a mesma, o Bloque, ademais de trasladar as emendas rexistradas e lembrar a comunicación bidireccional que se mantivo coas organizacións e asociacións do sector para o estudo de lei, destacou a necesidade de resolver as diversas carencias detectadas no sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.

Ademais, o BNG sinalou que busca acometer o desenvolvemento da carreira profesional do persoal investigador e científico, facendo especial fincapé no persoal técnico ao servizo dos organismos públicos de investigación da Administración Xeral do Estado que, segundo indica, quedan fóra da lei.

A formación nacionalista tamén rexistra outro bloque de emendas dirixidas a garantir o retorno social dos investimentos públicos en materia de I+D+i. "Tanto na selección dos proxectos ou liñas de investigación ou innovación a apoiar con diñeiro público --nas que non pode primar en exclusiva o futuro rendemento económico--, así como no acceso aos avances e innovacións financiadas desde o sector público", remarca Rego.

"O diñeiro público debe servir tamén para cubrir as áreas de investigación que quedan fóra do interese das empresas por ter unha baixa rendibilidade, pensemos por exemplo na investigación das chamadas enfermidades raras", exemplifica o deputado nacionalista.

De cara a mellorar a estabilidade laboral e reducir a temporalidade das persoas traballadoras, o BNG avoga pola eliminación da taxa de resposición. Ademais, entre outras cuestións, pide que se incremente o financiamento público para chegar ao 2% do PIB no 2030.

Tamén considera fundamental que a norma incorpore un contido similar ao regulado no ámbito galego coa Lei Ángeles Alvariño para establecer medidas correctoras á hora de facer avaliacións de méritos de forma que se compense o tempo en que a persoa investigadora estivo de baixa por maternidade, paternidade ou lactación, así como de baixa por embarazo, adopción, acollida ou violencia de xénero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta