A oposición urxe substituír a Feijóo: "Galicia non pode estar paralizada polos problemas do PP"

Ana Pontón denuncia que o presidente da Xunta "siga cobrando dos galegos e traballando para o PP" e Luís Álvarez critica que a Xunta "leva dous meses desaparecida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "seguir cobrando un salario" dea poboación galega mentres está "ocupado" en "varrer a corrupción do seu partido para debaixo da alfombra" e "ratificar os pactos coa extrema dereita antigalega".

"Galicia necesita un goberno que estea ao 100 por cen con este país", manifestou Pontón en declaracións aos medios este luns, facendo fincapé no sector de mar, co que se reuniu. Así, lamentou que Feijóo priorice "poñer orde nas leas internas do PP, en plena loita de baronías" por "ver quen queda" en Montepío.

Pontón reclamou un goberno "centrado" en Galicia. "É evidente que Feijóo segue cobrando un salario de todos os galegos, pero traballando para o PP, que leva dous meses en que as súas prioridades están centradas en tapar a corrupción do PP, nos pactos coa extrema dereita ou en acougar as augas internas do partido en Galicia, porque quere deixar todo atado e ben atado", denunciou.

A líder nacionalista incidiu en que "Galicia non pode ser un segundo prato" no que se "pon por diante o PP aos intereses dos galegos". "Lamentablemente, vemos como neste momento, temos un presidente que está a pensar en como poñer en marcha o seu proxecto en Madrid e como deixar todo ben atado en Galicia", reprochou.

Así, Pontón advertiu de que o país "non pode estar dous meses paralizado e, moito menos, polos problemas internos o PP". "Nós, por tanto, pedimos que non se alongue máis este proceso de sucesión; Galicia non pode estar ata o mes de xuño sen goberno", aseverou. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, á súa chegada a unha sesión de control no Parlamento de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, á súa chegada a unha sesión de control no Parlamento de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

PSDEG

Tamén o Partido Socialista de Galicia asegurou que é "urxente" acelerar a substitución de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta ao considerar que Galicia non pode ser "o taboleiro do xogo de tronos dun PPdeG máis centrado en repartir cargos e pelexar por cotas de poder que en tomar medidas eficaces e efectivas".

Así o manifestou este luns o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Luís Álvarez, quen asegurou que o "xogo de estratexias" que atravesa estes días o PP galego evidencia que "non hai un partido unido" senón que "existe un hiperliderado construído ao redor da figura de Feijóo que mostra as súas debilidades ante a desaparición dese líder" que "di unha cousa en Galicia" e "outra no resto de España" e que se "estrea bendicindo o primeiro goberno coa extrema dereita" en Castela e León.

Neste contexto, Luís Álvarez incidiu en que o modelo de "baronías territoriais" do Partido Popular se mostra "cada día con máis intensidade" nun contexto no que "Galicia non pode seguir esperando por un Partido Popular que está máis preocupado polas súas intrigas que por publicar medidas no Diario Oficial de Galicia (DOG)".

"Fronte a unha Xunta que leva dous meses desaparecida", Luís Álvarez asegurou que o PSdeG "está a demostrar capacidade e iniciativa para gobernar". Así, lembrou que "hai pouco tempo" os socialistas galegos presentaron un plan de medidas urxentes para apoiar os sectores máis prexudicados pola crise derivada da invasión de Ucraína por parte de Rusia, unhas propostas que foron rexeitadas no pleno da Cámara galega polo Partido Popular.

Ademais, o dirixente socialista considerou necesario "saír da situación que deixa Feijóo" en Galicia e que, segundo indicou, se reduce en "máis débeda", "menos persoas traballando na sanidade pública", "menos profesores nos centros públicos" e menos poboación. "Por tanto, entendemos que é urxente esa substitución na Xunta, pero tamén que o novo presidente conte coa opinión do PSdeG, o primeiro partido da oposición en Galicia", sostivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta