Por GC Tendencias | Santiago | 18/06/2014 | Actualizada ás 14:09
Dura Lex Pro 1.0., “o aparello chamado a revolucionar os sistemas democráticos e os non democráticos tamén”, chega á comarca compostelá da man do seu inventor, o xuíz Salomón da Silva, interpretado por Pepe Penabade. Carlos Santiago asina un texto no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións arredor do concepto de Xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo que será presentado o 19 de xuño no Auditorio da Ramallosa, espazo que lles concede o Concello de Teo. O deseño e a escenografía correron a cargo de Pancho Lapeña.
A compañía Volta e Dálle, con máis dunha década de traballo nos escenarios, tivo que recorrer ao micromecenado para cubrir parte dos gastos de produción de ‘Dura Lex’. A campaña de financiamento foi de tipo crowdfunding, dirixida a particulares e colectivos, pero sen se inserir en ningunha das plataformas existentes. A compañía non recibiu ningunha subvención institucional, aínda que ten o apoio de entidades como a CIG, máis sensibles se cadra ás problemáticas do sistema xudicial actual.
O último espectáculo de Volta e Dálle, ‘Dura Lex’, segue a liña característica da compañía: o compromiso coa realidade social e política galega, dende o seu espectáculo ‘Salitre’ (2003), arredor do caso do Prestige ata ‘Pan’ (2007), sobre a “expoliación dos recursos propios”. ‘Dura Lex’ preséntase para cuestionar as políticas de recortes económicos e tamén de dereitos, como ameaza facer o proxecto de lei de Seguridade Cidadá. O fai coa escrita de Carlos Santiago e coa interpretación de Pepe Penabede, ambos curtidos en compañías como Chévere ou o Centro Dramático Galego. Codirixe e produce a multifacética activista cultural Comba Campoy.
As entradas para a estrea teñen un custe de 10 euros e poden adquirirse por internet, a través de redenasa.tv, ou no propio auditorio da Ramallosa, alén de noutros espazos especificados no blogue do espectáculo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.