Por gcdeportes | Ourense | 19/06/2014 | Actualizada ás 09:03
A directiva do CD Ourense fixo oficial a súa dimisión na Asamblea Xeral Extraordinaria. Como se agardaba, non apareceu ninguén disposto a loitar para evitar a desaparición do club ourensán. Só acudiu un 19% do accionariado, e os grandes accionistas, co club a piques de desaparecer, seguen sen dar a cara.
Trala renuncia do presidente Alejandro Estévez e do vicepresidente José Ramón Fernández Morgade, en funcións dende o pasado 27 de abril, só restan 15 días para que se presente algún empresario local ou inversor de fóra con cartos dabondo para evitar o fin de 62 anos de historia. Tras estas dúas semanas, a directiva que ven de dimitir levará as contas actualizadas ao xulgado, que con toda seguridade procederá á liquidación da Sociedade Anónima Deportiva.
O club ourensán ten que pagar 160.000 euros a xogadores e corpo técnico (seis meses de nóminas) antes do vindeiro martes (día 24), cando se reúne nas Rozas a comisión mixta de Federación Española e Asociación de Futbolistas. Se non se pagan, o CD Ourense tería que avalar 200.000 euros antes do 30 de xuño para seguir competindo en categoría nacional. Se non aparecen cartos este mes, se produciría o descenso administrativo. Ademáis, o club ourensán necesita 400.000 euros que lle esixe a Axencia Tributaria para certificar que está ao día cos pagos e deste xeito poder recibir as subvencións pendentes das administracións.
O pesimismo é total en Ourense. Club e afección, que este mércores lanzaron nas redes sociais "un chamamento mundial" desesperado co hashtag #SOSCDOurense, ven inevitábel a desaparición da entidade, polo que piden as administración públicas que den un paso aidante e salven o CD Ourense, patrimonio de todos os ourensáns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.