A Xunta rexeita que a bonificación do Goberno nas peaxes da AP-9 tivese "éxito"

O PSOE reclámalle investimentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2022 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, rexeitou que tivese "éxito" a bonificación do Goberno nas peaxes da AP-9 tanto no ámbito económico, como na captación de tráfico ou na mellora da seguridade viaria. Así o expuxo na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos en resposta a unha pregunta do deputado socialista Gonzalo Caballero, sobre o balance da Xunta respecto da rebaixa das peaxes.

Na súa intervención, Caballero criticou a política da Xunta nesta materia, chegando a cualificar de "cinismo" o posicionamento dos populares. "O Goberno de España inviste en bonificacións das peaxes en Galicia cen veces máis que a Xunta", reivindicou. Fronte a iso, Francisco Menéndez rexeitou os argumentos do deputado socialista. "Os recursos destinados a esta medida podían ter un mellor efecto", asegurou. Así, incidiu en que a AP-9 "é moito máis cara que as estradas autonómicas" e que non houbo "unha captación de tráfico" por estas bonificacións ou unha diminución da sinestralidade.

"Puido facerse mellor", insistiu nunha intervención na que reprochou ao Goberno o que se "esquecesen da AP-53". "Regálase diñeiro a Audasa", engadiu sobre as compensacións pola supresión das peaxes de Rande e A Barcala. "Tapan as vergoñas do PP con políticas de escapismo, sen dar contas", replicou, nun momento da súa intervención, o deputado do PSdeG, quen reclamou ao Goberno galego un "compromiso" de investimentos nesta materia.

Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande / Europa Press.  / Europa Press
Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta