Feijóo di que a Atención Primaria ten "un problema enorme de atasco": "Non hai médicos"

Subliña que no Estado o problema de profesionais non se vai "solucionar cun conflito político", senón "cunha solución técnica"; e pide a creación da especialidade de Medicina de Urxencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2022 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, urxiu de novo ao Goberno central a creación da especialidade de Medicina de Urxencias co fin de "parar o fluxo de médicos de familia". "Na Atención Primaria volvemos ter un problema enorme de atasco; non temos médicos de familia", manifestou no marco da súa intervención para presentar o proxecto de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Así, o mandatario autonómico considera "imposible" solucionar o déficit de persoal médico sen "un cambio substancial en ampliación de MIR", ademais dun "esforzo docente" e a "creación de especialidades que impidan que o persoal médico de familia vaia ás urxencias hospitalarias deixando desabastecida a Atención Primaria".

"Por tanto, a creación da especialidade de Urxencias neste momento, no século XXI, é unha discusión que me parece simplemente unha perda de tempo, porque é inevitable parar o fluxo de médicos de familia cara a urxencias porque senón, quedamos permanentemente sen médicos de familia en primaria", esgrimiu.

Neste sentido, Feijóo considera que "o que queira facer Urxencias, que se examine do MIR de Urxencias e o que queira traballar en Atención Primaria que pida unha praza de Medicina Familiar". "Senón, non imos conseguir solucionar os problemas", apostilou.

Así mesmo, reiterou a necesidade dun "MIR extraordinario" porque "miles de persoas quedaron ás portas de entrar, pero por unha cuestión de décimas". "Non podemos neste momento en España pensar que os problemas que temos os imos solucionar cun conflito político; ímolos solucionar cunha solución técnica", sentenciou o tamén presidente do PP.

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante os medios de comunicación tras unha reunión do Consello da Xunta na delegación territorial, a 21 de abril de 2022, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España).. Javier Vázquez - Europa Press
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante os medios de comunicación tras unha reunión do Consello da Xunta na delegación territorial, a 21 de abril de 2022, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España).. Javier Vázquez - Europa Press | Fonte: Europa Press

"ÉXITO INCUESTIONABLE" DA XESTIÓN DA COVID

O presidente da Xunta despediuse este venres do persoal sanitario en Santiago de Compostela no marco dun acto no Hospital Clínico Universitario, onde lle agradeceu o seu traballo na pandemia pola Covid-19 e o "éxito incuestionable" na xestión da crise pola Covid-19.

No marco da súa intervención para presentar o proxecto de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o titular da Xunta eloxiou que coa xestión da pandemia "se conseguiu que Galicia sexa a comunidade con menor mortalidade por 100.000 habitantes". "Iso é o balance da pandemia, o demais son comentarios, obxecto de faladoiros", abundou.

"Pero cando se mide a mortalidade nunha pandemia e aparece Galicia como territorio peninsular con menor mortalidade, a pesar de que o 25 por cento da nosa poboación é vulnerable porque ten máis de de 65 anos, acredítase que o Servizo Galego de Sáude superou a proba de tensión, un test de tensión sanitaria máximo ao que se someteron todos os servizos sanitarios do mundo", valorou.

Por iso, deu as "grazas" polo seu "traballo" ao persoal sanitario, que "foi moi profesional" e lembrou que houbo "médicos que se infectaron e estiveron en UCI". Destacou tamén o labor do persoal non sanitario xunto ao anterior "ante un virus descoñecido" para incidir no "éxito incuestionable". "Valórannos bastante máis fóra, que do que nos valoramos aquí. Pido que se valoren vostedes", concluíu.

Na súa intervención final, así mesmo, o mandatario autonómico fixo unha chiscadela á súa próxima marcha da Xunta tras ser elixido líder do PP. "Cando no ano noventa e algo empezaron as obras deste hospital eu era secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e despois tívenme que ir no ano 96 cando empezaron as obras. Parece que se repite a historia", manifestou.

"HAI QUE IR"

"Cada vez que hai obras en Santiago vou coidarme moito non vaia ser que iso supoña un desprazamento obrigado e un concurso de traslados no que non tiña moito interese en participar, porque ás veces, como o que pasa nos hospitais comarcais, cando non hai persoal sanitario, hai que ir", afirmou. "Pois neste caso, pola miña banda, aproveito para despedirme do colectivo sanitario de Santiago e dicirlles que espero poder ver esta obra ao final. Espero que me conviden e, se non me convidan, seguro que Bugallo -polo alcalde socialista de Santiago-- estará por aquí para convidarme", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta