As comunidades de montes tachan a futura lei galega de "intento de roubo" de terreos a comuneiros

Chama a presentar alegacións ata o 9 de maio, prazo no que remata a consulta pública do texto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) tacha a proposta de lei de montes, presentada pola Consellería de Medio Rural, de "intento de roubo" de terreos aos veciños comuneiros. Por iso, chama a presentar alegacións ata o 9 de maio, prazo no que remata a consulta pública do texto.

Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, Lugo
Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Abadín, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

A entidade alerta de que "a intención desta Consellería é desnaturalizar" os montes veciñais para "proceder á súa privatización", con "unha nova definición de veciños comuneiros".

A entidade indica que son veciños comuneiros as persoas que viven no lugar no que existe o monte veciñal, polo que modificar "a condición de veciño comuneiro só se pode entender como unha pretensión do Goberno galego de desnaturalizar o carácter xermánico de titularidade veciñal dando entrada a persoas físicas e xurídicas aínda que non sexan comuneiros".

Ademais, mostra as súas reticencias a que un dos obxectivos sexa "harmonizar" a normativa de montes veciñais coa estatal. E é que lembra que no Estado "non está recoñecido o dereito xermánico", no que se basean estes terreos, polo que "a palabra harmonizar implicar dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica para convertelas en titularidades de carácter privado".

"O carácter xermánico da titularidade veciñal implica que a propiedade é indivisible e intransferible e esta condición dos montes veciñais é o gran obstáculo para o afán privatizador do Goberno galego", sostén.

Outra das críticas que fai ao texto é que o Partido Popular pretende dicir que "o funcionamento asembleario e democrático é outro obstáculo para o seu afán de privatizar os montes veciñais e entregalos ás empresas madeireiras".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta