Lores destaca o cumprimento do Concello para a construción do Gran Montecelo

O alcalde apunta que "en maio, na teoría, deberían comezar as obras" para o novo viario

Por E.P. | Pontevedra | 28/04/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o cumprimento do Concello de Pontevedra cos compromisos asinados no convenio para a construción do Hospital Gran Montecelo.

Obras do Gran Montecelo, en Pontevedra
Obras do Gran Montecelo, en Pontevedra | Fonte: Xunta de Galicia.

Fernández Lores compareceu este xoves en rolda de prensa para valorar o estado de tramitación actual do convenio asinado no ano 2016 co Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a construción deste hospital.

Segundo indicou o rexedor da capital, apenas restan uns poucos pasos para comezar a construción do viario perimetral de Montecelo, ademais do último pago de millón e medio de euros, xa en tramitación, dentro do catro millóns que o Concello porá neste proxecto.

Aínda que Fernández Lores adoita ser remiso a marcar prazos para as obras, nesta ocasión sinalou que "en maio, na teoría, deberían comezar as obras" para o novo viario, despois da aprobación en Xunta de Goberno Local do plan de seguridade e hixiene que avale a actuación.

Así mesmo, o alcalde explicou que a construción desa estrada perimetral foi adxudicada á empresa Elsamex, cun investimento previsto de 1.161.479 euros, que serán asumidos de maneira íntegra pola Deputación de Pontevedra. 

Tamén explicou que nuns meses, o complexo hospitalario podería comezar a recibir o abastecemento de auga do novo sistema que deixará ao carón o bombeo actual, e que a traerá desde o depósito de Castrosenín. Na actualidade están a ser realizados estudos de estancamento e de calidade do servizo. "Será un avance en todos os sentidos, ao contar cun sistema mellor", valorou.

Lores lembrou que este convenio co Sergas é "importantísimo", xa que "significará un antes e un despois á hora de contar cun equipamento sanitario de agudos para toda a área sanitaria".

"O Concello cumpre os seus compromisos, podemos dicilo ben alto", sentenciou o alcalde de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta