Persoal do Psiquiátrico de Conxo protesta pola falta de medidas de seguridade no centro

CIG-Saúde denuncia os episodios de violencia sufridos no hospital e critica a falta de protocolos para pacientes con especial agresividade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse este xoves fronte ao centro para denunciar os episodios de violencia laboral sufridos no hospital e reclamar un Plan Funcional, medidas de seguridade e un Plan de Humanización do Sergas que "facilite a atención e coidado das persoas con enfermidades mentais".

Fixérono, segundo explicou nunha comunicado CIG-Saúde, con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no traballo. Tal e como explicou no discurso da concentración a representante do sindicato Irene Tato, "do último Informe anual de episodios de violencia laboral externa rexistrados no Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria de Santiago é a que máis violencia laboral rexistra, nomeadamente nas unidades UAE e 1BM, que son as máis afectadas".

"A pesar destes resultados, a Xerencia mostra pasividade na planificación da priorización de toma de medidas preventivas, medidas organizativas, medidas médicas e medidas estruturais que se precisan", censurou. Neste sentido comentou a falta de protocolos para pacientes con especial agresividade e de plans individualizados centrados nun tratamento rehabilitador "para conseguir a maior funcionalidade, autonomía e reinserción posible".

No que respecta ao Plan Funcional, a representante sindical denunciou que o hospital aínda carece dun no que "se definan as diferentes unidades e servizos, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais e establecendo cocientes de seguridade paciente/persoal, con definición de funcións e plans de formación, entre outros, avalados polo Plan de Garantía de Calidade e Seguridade da área.

ESTADO ESTRUTURAL DO CENTRO

Entende que é "imprescindible" este plan para "garantir" unha asistencia sanitaria "segura e de calidade". Sobre o estado estrutural do centro, afirmou que "segue nos anos 80 por falta de mantemento". "Descoñecemos a creación do plan de adaptación para a mellora estrutural que tanto prometeu a Xunta". Aseguran ademais que chove "máis dentro que fóra" e que as xanelas filtran frío e choiva, as paredes se descorchan e os azulexos caen mentres o persoal ten que traer o polar da casa".

Por último, o sindicato censurou tamén o "esquecemento" do Plan de Humanización do Sergas, "que non ofrece os soportes sociosanitarios e extrahospitalarios apropiados". "Só implantar medidas caóticas de traslados de pacientes a lugares non preparados para o coidado e atención de persoas con doenzas mentais graves, moitas delas obrigadas a abandonar o que foi o seu fogar durante décadas sen un tratamento emocional apropiado e que acaban regresando coas súas patoloxías agravadas", conclúen.

Protesta do persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo
Protesta do persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo | Fonte: CIG-Saúde

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta