A folga de autobuses urbanos de Ourense comezará esta medianoite cun 52,8% de servizos mínimos

A folga afecta a 125 empregados da concesión.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 02/05/2022 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A folga indefinida nos autobuses urbanos de Ourense comezará cando se cumpra a medianoite deste luns tras fixar o Concello o 52,8% dos servizos mínimos. O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Armando Ojea, asinou na mañá deste luns o decreto no que se fixa esta porcentaxe ao considerarse o transporte colectivo urbano de viaxeiros como un servizo mínimo obrigatorio nos concellos de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Ourense.

Autobús urbano do concello de Ourense
Autobús urbano do concello de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

Así pois, o decreto establece que se prestará servizo por 1 vehículo en cada unha das seguintes liñas: 1, 2, 3, 5, 7, 9, 10, 12, 14, 15, C17, 18, 19, 22, 26, 6B, 11A, 11B e 13B. E que ademais se debe garantir o último e o primeiro horario de cada servizo, e os traxectos dos servizos mínimos deben realizarse de forma completa.

A folga afecta a 125 empregados da concesión, dos que 96 son condutores mentres o resto, administrativos, inspectores, mecánicos e lavacoches. No caso destes profesionais os servizos mínimos quedaron estipulados no 50%.

"ACATAN PERO NON COMPARTEN"

Desde o comité de empresa aseguran que "acatan", pero "non comparten". Así o explica o presidente, Daniel Fernández, que lamenta que o recurso presentado ao decreto ante o Concello "non serviu para nada".

Fernández explicou que o venres pasado tiveron unha nova reunión entre o Comité de Empresa, formado por Comisións Obreiras, a CIG e a UGT, e a empresa concesionaria; na que de novo non se conseguiu avanzar nas negociacións, a pesar de que por parte dos traballadores, "mesmo se propuxo negociar durante a fin de semana".

Ese mesmo día recibiron a notificación que fixaba a porcentaxe de servizo mínimo e o sábado á mañá recorreron ante o Concello. Nin o recurso nin a reunión foron proveitosos para os intereses dos traballadores.

"Nós baseámonos en que en 2010 xa fomos a unha folga xeral e tivemos unha porcentaxe menor de servizos mínimos, pero tamén en que en pandemia se regularizaron todos os servizos para adaptarnos á situación e practicamente son os mesmos os que se puxeron entón que os que nos fixan agora", dixo o presidente do comité, que considera que "se vulnera vulnerando flagrantemente o noso dereito á folga".

Denuncian ademais que para a folga, que nun principio estaba convocada para o pasado 20 de abril pero tiveron que aprazar por trámites administrativos, os servizos mínimos estaban fixados no 40%.

REIVINDICACIÓNS

Así as cousas, insisten nas súas reivindicacións, piden cobrar por unha xornada laboral de 8 horas ao día, 40 horas á semana, con horas extras negociadas, mentres que a empresa propón cobrar mensualmente segundo a liña que realicen, cambiando un sistema que funciona desde 1986 e que os traballadores están "dispostos a asumir pero sen que supoña unha perda de salario".

Por iso, agás un acordo de última hora, a folga indefinida comezará esta medianoite, aínda que Daniel Fernández insiste en que, se a empresa quere negociar, "son eles os que teñen o poder de convocatoria".

Pola súa banda o rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dixo que "espera" que a empresa concesionaria por unha banda e os traballadores por outra, "todos do sector privado", cheguen a un acordo pronto. "Estaremos pendentes cada día, dispostos a mediar e a buscar solucións como xa fixemos ao solucionar o problema de recollida de lixo en decembro de 2021", aseverou o alcalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta