Arte, cultura, lendas e historia no Festival Vákner de Dumbría

Esta localidade da Costa da Morte acollerá o 28 de maio este encontro cultural e musical.

Por E.P. | A CORUÑA | 02/05/2022 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O municipio de Dumbría acollerá o 28 de maio o encontro cultural e musical Festival Vákner, que contará co apoio da Deputación da Coruña.

Na súa sede, tivo lugar a presentación deste encontro musical e cultural coa presenza, entre outros, do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do vicepresidente, Xosé Regueira, así como o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeno, e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre.

Tamén asistiron representantes dos concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra-Muxía e os demais integrantes do grupo Luar na Lubre, que deleitou ao público cunha canción sobre o encontro de Mártiros coa figura mitolóxica do Vákner.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, incidiu en que "se este festival encaixaba nalgún sitio da provincia, era na Costa da Morte" e destacou a recuperación de lendas, historia e mitos a través da iniciativa. Pola súa banda, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, explicou que o Festival Vákner é "un acontecemento histórico e fundamental para a Costa da Morte, é arte, cultura, lendas, historia, economía e turismo".

RECLAMO TURÍSTICO

Á súa vez, Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, agradeceu a aposta polo festival e afirmou que "o recurso do Vákner vai ser unha marca e reclamo turístico moi importante para a zona e tamén para Galicia". O Festival contará con Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, o último confirmado, Carlos Goñi, líder de Revólver.

Por outra banda, a Deputación da Coruña está a traballar nun proxecto de turismo literario que vertebre a provincia a través da literatura e e a sitúe en rutas turísticas literarias a nivel europeo.

Presentación do Festival Vákner. TORRECILLA
Presentación do Festival Vákner. TORRECILLA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta