Violencia na sanidade: o 80% de enfermeiros galegos denuncian agresións físicas e verbais

A metade dos agredidos di ter sido vítima en máis de cinco ocasións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) denuncia que a metade das enfermeiras agredidas en Galicia fórono ata en cinco ocasións e apunta, ademais, que case oito de cada dez destas profesionais sufriu algún tipo de agresión nos dous últimos anos marcados sanitariamente pola pandemia da Covid-19.

Así o informou este mércores Satse nun comunicado, en relación a unha macroenquisa realizada polo Sindicato de Enfermaría a un total de 7.359 enfermeiras de todas as comunidades autónomas, ademais de Ceuta e Melilla, para facer unha "radiografía" actualizada sobre, destaca, o "grave problema de violencia no ámbito sanitario que se sofre no conxunto do Estado".

Satse detalla que oito de cada dez enfermeiras de Galicia foron agredidas mentres desempeñaban o seu labor asistencial e de coidados nun centro sanitario ou sociosanitario, dos que case a metade fórono ata en cinco ocasións e un 18 por cento en máis de 10 ocasións.

En concreto, este sindicato apunta que o 79,45 por cento das enfermeiras de Galicia consultadas sufriu algunha agresión, xa sexa física (empuxóns, retencións involuntarias, puñadas ou outros) ou verbal (ameazas, vexacións, insultos, entre outros) ao longo da súa vida laboral por parte de pacientes e/ou familiares.

A maior porcentaxe de enfermeiras e enfermeiros agredidos rexistrouse nos servizos de hospital, xa que ata no 65,31% por cento dos profesionais que traballan neste ámbito asistencial aseguran ser vítimas dunha ou máis situacións de violencia cara á súa persoa. Da porcentaxe estes profesionais agredidos, o 53,10% foino ata en cinco ocasións; o 19,47%, nunha única; o 9,73%, entre seis e 10 veces e o 17,70% en máis de 10.

Outro dato que destaca Satse céntrase en que, nos dous últimos anos, marcados sanitariamente pola pandemia da Covid-19, "sufriron algún tipo de agresión o 65,77 por cento das enfermeiras e enfermeiros de Galicia".

Profesionais sanitarios
Profesionais sanitarios | Fonte: Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta