Por Lois Pérez Leira | Vigo | 03/07/2014 | Actualizada ás 13:25
Enrique Lister naceu o 21 de abril de 1907 nunha aldea chamada Ameneiro, na parroquia de Calo, a 7 quilómetros de Santiago de Compostela. A súa nai era labrega e o seu pai obreiro canteiro. Os Lister tiveron sete fillos, cinco varóns que seguiron o oficio do pai e dúas mulleres que se dedicaron aos traballos do campo. Desde neno, Enrique, comezou traballar cos seus pais nas labores da aldea. A escola máis próxima quedaba moi lonxe, polo que este rapaz campesiño quedou sen aprender a ler e escribir. Cando tiña 11 anos, o seu pai, canso de tanta pobreza, decidiu marchar a Cuba, onde xa se encontraban os outros dous fillos máis vellos.
No seu libro de memorias, Enrique Lister, lembraba deste xeito aquela etapa de neno emigrante: "Só moito máis tarde decataríame onde estaban as causas que me arrincaron da miña aldea natal e que me levaron a Cuba, por que alí moitos empregaban o nome de "gallego" coma un insulto. Nos meus primeiros meses de estancia en Cuba sentíame terriblemente triste. Lembrábame da miña nai e irmáns, dos meus amigos, da aldea, dos campos e piñeirais, das hortas dos veciños que ningunha delas se salvara dos meus asaltos, coñecendo eu mellor que os seus donos as árbores que daban as froitas máis saborosas. Se en vez de auga fora terra o que me separaba de Galicia creo que volvería andando."
Mais este estado de ánimo duroulle pouco. Acabando de chegar o seu pai púxoo traballar de aprendiz de adegueiro no negocio que tiña un paisano de nome José Albariño, na rúa Sol e San Ignacio. Logo de cambiar a outra adega que tiña mellores condicións laborais e tras unha breve estancia en Matanzas voltou á Habana onde comeza estudar pola noite, na escola do Centro Galego namentras que polo día se dedicaba ao traballo de canteiro.
Esta rutina non durou moito tempo xa que unha noite, ao sair do Centro Galego, unha rapaza achegouselle para lle ofrecer un par de pesos se lle levaba un paquete e se llo entregaba a unha persoa. Enrique sen pensalo e ante a necesidade deses cartos aceptou a proposta. O simple traballiño foi cumprido con toda normalidade, nembargantes despois de varios días dúas persoas que se identificaron como policías detiveron a Enrique. Ao chegar á dependencia policial, os axentes comezaron a berrar e baterlle Preguntáronlle quen era a persoas que lle dera a bomba. Enrique descoñecía o contido do paquete, mais ao escoitar a palabra bomba evitou dar pistas á policía. As dúas pesetas terminaron por lle saír caras: dous anos de cárcere nun reformatorio.
Deste xeito casual, seguramente, Enrique comezou experimentar vivencias moi duras que o foron curtindo na súa mocidade. Ao saír do cárcere con 17 anos o seu pai conseguiulle un traballo de canteiro na construción do Centro Asturiano. Por aqueles anos Enrique estaba moi adaptado á vida cubana, atrás quedaba a súa tristura e os seus desexos de voltar a Galicia. Mais todo cambiou o 25 de xaneiro de 1925. Unha carta recibida por un compañeiro de traballo e veciño da súa aldea, contáballe o ferreiro e o seu fillo bateran na nai. A noticia causoulle tanta indignación que xuntou todos os seu aforros e sacou pasaxe para Galicia o 28 de xaneiro. E cos cartos sobrantes mercou unha pistola do 9 largo e unha caixa de balas. Chegou a Vigo o 11 de febreiro e á súa casa o día 13. A súa nai asustada tentou sacarlle importancia ao asunto, mentres o ferreiro e o seu fillo marcharon do pobo. Despois dun mes a policía entrou na casa e deron coa pistola. Enrique sabe que corre perigo e consegue outra arma. O encontro foi inevitable, o 30 de abril atopáronse os tres, e enfrontáronse a tiro limpo. Enrique quedou cunha ferida na cabeza e o fillo do ferreiro cun tiro no pulmón.
Durante os anos 1925 ao 26, Lister tentou gañar a vida no Sindicato de Oficios varios de Teo (Ames) onde tamén participaron os seus irmáns. Despois de ter un novo choque coa Garda Civil, e para evitar ir ao cárcere volveu para Cuba. Era xaneiro de 1927.
Na Habana, traballou na construción do Capitolio, onde tomou contacto co sindicato, e un dirixente do mesmo, de orixe canaria, comeza falar da Unión Soviética e do socialismo. Por aqueles anos, Cuba estaba nun proceso de importantes loitas. En 1920 constituíuse a Federación Obrera da Habana, en 1925 creouse en Camagüei a Confederación Nacional Obrera e a mediados de 1927 fundouse o Partido Comunista de Cuba liderado por Ricardo Mella e Rubén Martínez Villena. Tanto Lister como o galego Fernández Valle, entre outros paisanos, formaron parte deste novo partido. A dictadura de Machado non tardou en reaccionar, de forma represiva, detendo a un gran número de comunistas. Lister viuse na obriga de deixar o traballo, para evitar a detención, motivo polo que o seu partido decidiu que o mellor era que saira do país, de xeito clandestino, nun barco que ia a España e paraba en Nova York. O seu destino foi esta última cidade, a pesares diso, o destino xogoulle unha mala pasada e a forte custodia do barco, non lle permitiu baixar. Foi así, como novamente, voltou a Galicia. En 1928 chegou á Coruña, onde se puxo en contacto coa súa familia e coa organización do Partido Comunista Español, onde se incorporou á célula de Santiago de Compostela. Durante eses primeiros meses volveu caer preso en varias oportunidades. Sendo a detención máis longa entre 1929 e maio de 1931, días despois da proclamación da Primeira República.
Ao saír da prisión dedicouse de pleno a recuperar o seu sindicato, que estaba en mans de burócratas. Co apoio de máis de cen afiliados, convocou unha asemblea, onde se varreu a condución anterior e foi elixido presidente da mesma. En febreiro de 1932 participou activamente da Conferencia Rexional do Partido Comunista, onde foi elixido delegado ao IV Congreso que se celebrou en Sevilla. O seu labor militante na comarca converteuno nun baluarte comunista, chegando a contar con máis de 60 afiliados.
A Segunda República naceu das mans da dereita liberal mentres os traballadores e labregos pobres empurrábana a un cambio profundo. Lister participou apaixonadamente da primeira etapa da República. Os seus constantes enfrontamentos e persecucións por parte da Garda Civil levaron ao seu partido, a tomar a decisión de levalo á Unión Soviética para preparalo politicamente. De setembro de 1932 a setembro de 1935 residiu no país dos Bolcheviques. Na U.R.S.S. estudou nunha escola leninista, como así tamén na escola militar. Mentres se preparou politicamente traballou na construción do Metro de Moscú.
O seu paso pola Unión Soviética foi decisivo na súa formación comunista. Ao seu regreso o delegado da Internacional Comunista para España, o arxentino Victorio Codovilla, encoméndalle a responsabilidade do traballo coas Forzas Armadas. O Partido Comunista, a través dos seus membros organizados ou individuais, tiñan contacto co centos de soldados, cabos, sarxentos, oficiais aos que influían politicamente e en moitos casos organizábanse en comités que levaban a cabo a loita de defensa dos dereitos dos soldados, contra os manexos dos mandos reaccionarios. O 16 de febreiro de 1936 produciuse o triunfo da Frente Popular. Aos poucos meses, o 18 de xullo, realizouse o levantamento de Franco e os sectores fascistas do exército.
Durante os anos que durou a Guerra Civil Lister converteuse no símbolo do heroísmo e nun dos militares máis queridos. Ao longo da guerra incorporouse ás Milicias Populares, como simple miliciano. Posteriormente nomeárono comandante - xefe do 5º Rexemento; organizador e xefe da Primeira Brigada Mixta e da 11ª División. Rematou a Guerra co grao de Coronel, Xefe do V Corpo do Exército. Con esas forzas participou nas batallas de Guadarrama, Talavera, defensa de Madrid, Xarama, Guadalaxara, Brunete, Aragón, o Ebro e Cataluña. Durante a guerra, os galegos residentes en Madrid, organizan as Milicias Galegas. Nun principio naceron como autónomas, cunha dirección compartida, polos distintos partidos políticos ( agás o PSOE que non quixo participar). Entre un dos fundadores das Milicias estivo o deputado galeguista Ramón Suárez Picallo. Desde un principio tivo unha activa participación na súa dirección, o dirixente comunista Santiago Álvarez. Moitos foron os intelectuais galegos que dun xeito ou outro, colaboraron coas milicias, como foron Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Illa Couto, Castelao, Rubia Barcia, Lorenzo Varela, etc. A falta de apoios, para conseguir os correspondentes armamentos e outros elementos de guerra levounos á decisión de incorporarse ao 5º Reximento, liderado polo seu compatriota Enrique Lister. O escritor Arturo Cuadrado recorda o seu paso polas Milicias Galegas: " Con que amor e heroísmo combatían os nosos Milicianos. Na frente de batalla nunca faltou a bandeira azul e branca de Galicia. O noso soño era avanzar cara Galicia e liberar ao noso pobo. Contábamos cun gran líder militar e gran revolucionario, Enrique Lister, xunto a el pasei parte da Guerra Civil e xuntos soñamos entrar no noso Santiago de Compostela, capital da Europa liberada do fascismo".
O 5 º Reximento convertérase na esperanza de toda a República. Os máis destacados escritores achegábanse para darlles ánimo, os poetas dedicábanlle os seus máis combativos versos. Pola fronte de batalla, recitando os seus poemas, podíase ver a León Felipe, Rafael Alberti , Miguel Hernández, María Teresa León, Otalaguirre, Serrano Plaja, etc..
O gran poeta Miguel Hernández relata poeticamente a batalla de Teruel:
Lister, la Vida, la cantera, el frío:
Tú, la vida, tus fuerzas como llamas,
Teruel como el cadáver sobre el río...
Mentres tanto o outro gran poeta dos pobos da España Republicana, Antonio Machado, dedicálle unha poesía que di:
A LISTER
Jefe en los ejércitos del Ebro
Tu carta- Oh noble corazón en vela,
español indomable, puño fuerte!-,
tu carta, heroico Lister, me consuela
de esta que pesa en mi carne de muerte.
Fragores en tu carta me han llegado
de lucha santa sobre el campo ibero;
también mi corazón ha despertado
entre olores de pólvora romero.
Donde anuncia marina caracola
que llega el Ebro, y en la peña fría
donde brota esa rúbrica española:
de monte a mar, esta palabra mía:
" Si mi pluma valiera tu pistola
de capitán, contento moriría."
Antonio Machado tivo un gran compromiso militante na defensa da liberdade dos pobos e nacionalidades de España. A pesares da súa enfermidade enviou unha carta de alento ao 5º Rexemento, a cal remata dicindo: " Saúde, obreiros e soldados, combatentes nas filas do V Cuerpo do noso grande Exército da Vitoria. Espero que ninguén poida arrebatarvos o triunfo: estou seguro de que ninguén pode privarvos da gloria de merecelo."
Rematada a Guerra, Lister refuxiouse en Moscú, cursando estudios na Academia Militar Frunze. Co grao de Xeneral Soviético, polaco e finalmente iugoslavo, loitou nos campos de batalla da Segunda Guerra Mundial. En 1945 radícase en París exercendo o cargo de responsable de emigración do Partido Comunista. Ata 1970 forma parte da dirección do P. C. En 1973 rompeu co sector socialdemócrata de Carrillo, para formar o Partido Comunista Obrero Español. Durante a transición española volveu a España, onde se reintegrou no Partido Comunista. Pouco antes da súa morte en 1994, o Club Cultural Adiante, dependente da C.I.G., baixo a dirección de Xosé Luis Méndez Ferrin, outorgoulle o Premio 10 de Marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.