Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2014 | Actualizada ás 09:00
A oposición en Santiago de Compostela está disposta a non darlle ningunha facilidade ao futuro rexedor da capital, Agustín Hernández. E é que a intención de PSdeG e BNG é a de recorrer ante o Tribunal Constitucional a designación de até sete concelleiros non electos por parte do PP para ocupar os postos dos edís que tiveron que dimitir tras ser condenados por prevaricación.
Este novo anuncio da oposición se fai logo de coñecer que a Xunta Electoral Central desestimou as súas alegacións e deu vía libre á expedición de credenciais para estes concelleiros, de modo que en canto cheguen ao Concello convocarase o pleno no que renunciará Angel Currás como alcalde e será relevado por Agustín Hernández.
Un pleno que o aínda rexedor Ángel Currás cre que se vai celebrar a semana próxima, previsiblemente luns ou martes, e que converterá en alcalde ao ex conselleiro de Medio Ambiente.
A este respecto, o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que ten a sensación de que PSdeG e BNG queren que haxa "desgoberno" na cidade.
"Non temo para nada o recurso ao TC que prevén presentar o PSdeG e o BNG porque se cumpriu a Constitución", dixo este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Con todo, indicou que é "innegable" que durante meses houbo "distintos problemas" no concello compostelán, pero destacou que nas últimas semanas atopáronse solucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.