Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2025 | Actualizada ás 17:52
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que Pedro Sánchez esgotará a lexislatura e rexeitou que se estea ante o final da súa etapa política. Nunha entrevista na Cadea Ser, descartou que Salvador Illa vaia asumir o liderado do PSOE e defendeu a reacción do partido fronte ao caso Koldo como "contundente e transparente". Negou tamén que a investigación da UCO afecte ao PSOE como organización, e afirmou non ter relación co exasesor implicado. Aproveitou para criticar aos socios de Goberno polo seu “postureo” e para remarcar que a alternativa ao PSOE "é moito peor".
Sobre o peche definitivo da Operación Polbo, Besteiro reivindicouse como vítima dun caso de lawfare impulsado polo PP cunha finalidade claramente política. Cualificou o proceso xudicial como desmesurado, inxustificado e baseado nun anónimo, e lamentou o dano causado. Con todo, afirmou non arrepentirse do seu retorno á primeira liña política, asegurando sentirse máis motivado ca nunca.
En relación ao conflito interno no PSOE compostelán, tras a expulsión de catro edís, Besteiro cualificou de “escusa” o feito de que o proceso estivese asinado por Santos Cerdán, e lembrou que esa decisión foi resultado dun procedemento no que interviron múltiples instancias. Recalcou que non valora actuacións de quen xa non pertence ao partido, pechando así a polémica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.