Borja Verea quere presidir o PP de Santiago co obxectivo de "ensanchar as bases do partido"

Quere alcanzar unha maioría nas próximas eleccións municipais que permitan un cambio en Raxoi "para que Compostela volva recuperar a posición que se merece".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/05/2022 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

Borja Verea, candidato á Presidencia do PP de Santiago, pechou este domingo a súa campaña interna nun acto no Ensanche compostelán, no que manifestou o seu compromiso de "continuar ensanchando as bases do partido" e alcanzar unha maioría nas próximas eleccións municipais que permitan un cambio en Raxoi "para que Compostela volva recuperar a posición que se merece".

Borja Verea
Borja Verea | Fonte: PP de Santiago de Compostela.

Verea expuxo que fronte a un Bugallo "incapaz, triste e sen ideas", o PP é "a única alternativa de futuro" para levar a Santiago "ao século XXI".

Para conseguir ese obxectivo, o parlamentario compostelán pediu a axuda de todos para gañar as primarias da formación o vindeiro sábado, nas que se enfronta ao médico Fernando Mayo. "Para volver pór Santiago en marcha pídovos a vosa axuda para gañar as primarias, nas que temos que converter o 90% dos avais no 100% dos votos e para ser unha alternativa sólida e poder construír unha gran maioría que nos permita modernizar Santiago", subliñou.

Neste sentido, o candidato á presidencia dos populares composteláns lamentou que a cidade "perdese a confianza en si mesma" polas políticas do goberno socialistas que, engadiu, "non fixeron nada por manter a Compostela á cabeza da vangarda".

Así, Verea reivindicou que cre na súa cidade e subliñou que se gaña as eleccións de 2023 traballará para levar Compostela "ao seu máximo nivel, sen complexos e competir con capitais como Londres, Málaga ou Dubai".

Para conseguir este obxectivo, explicou ante a militancia a súa idea de cidade, que pretende ser "máis amable, máis familiar e máis humana" e para iso indicou que se debe pór en marcha canto antes unha política vivenda "moderna e contundente" para que os veciños de Santiago poidan vivir no municipio e "non teñan que marcharse".

Ademais, apostou por "un urbanismo e unha mobilidade alternativa", no que as familias "recuperen o control do espazo urbano" e pasen a ser "as protagonistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta