A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou este sábado ao Partido Popular de empregar Galicia como "un decorado para as súas roldas de prensa", coincidindo co acto que os populares celebran no municipio coruñés de O Pino, e ao que asistiu o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.

"Veñen en bloque, Feijóo incluído, non a propoñer nada, senón a atacar ao Goberno de España mentres desatenden os problemas reais da cidadanía galega", declarou Méndez aos medios. A dirixente socialista advertiu ademais que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participa activamente nas iniciativas do seu partido, pero "desaparece cando hai que dar a cara", e "non preside os Consellos do Executivo galego como debería".
Neste sentido, Méndez lamentou que Galicia "teña un delegado de Xénova en vez dun presidente a tempo completo", e asegurou que non é a primeira vez que Rueda “abandona as súas funcións para acudir a actos partidarios”. Ao seu xuízo, “Rueda non se debe ao PP, senón ao conxunto dos galegos”.
A socialista tamén aproveitou para criticar a actuación do presidente da Xunta durante a recente emerxencia derivada do apagamento eléctrico, asegurando que “non estivo no centro de coordinación, non deu explicacións, declarou o nivel 3 para quitarse a responsabilidade de enriba e marchou para casa a durmir”.
Méndez ampliou a súa crítica ao comportamento do PP en Madrid, acusando aos populares de “votar sempre en contra dos intereses da xente cando hai que defender Galicia” e de actuar como "oposición permanente ao Goberno de España" sen presentar alternativas.
En contraposición, reivindicou a postura do PSdeG, que —dixo— “asume responsabilidades, defende á cidadanía e aposta por facer política útil”. Asegurou que a sociedade galega está "farta de ser espectadora das campañas do PP", e concluíu: "Galicia non é un estudio de campaña nin un decorado para as fotos. Galicia é un país que merece respecto, seriedade e un goberno presente".
Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
- "Aquí non hai praia"... Lugo queda outra vez sen praia fluvial
- Rueda defende que a intención da lei de prevención de adiccións non "é punitiva"
- Rueda aposta por priorizar a "gratuidade da AP-9" por riba da transferencia da competencia
- Muñoz acusa ao PSOE de usar “calquera cousa” para atacar a Feijóo
- Pontón carga contra o “orzamento militarista” da UE e activa unha ofensiva institucional
- Lara Méndez acusa a Feijóo de “volver mentir” sobre a corrupción no seu goberno