Que vivan Os Pinabetos!!

Fai algún tempo, a agrupación de colectivos musicais Ruada de As Pontes propuxo, por unanimidade, adicar unha homenaxe Os Pinabetos no festival central de Santa Icía. Estivemos en dito acto os compoñentes daquela aventura musical : Cal, Santi, Fonsi, Pichi , mais eu, Fermin .

Por Fermín Paz | Ferrol | 13/05/2022

Comparte esta noticia
 Agora, qué xa nos  atopamos en tempos de promesas de novas inversions industriais "a tutiplén" por todo o territorio galego, queromos facer de novo unha lembranza co obxetivo de que ninguén  comulgue con rodas de muiño, ainda que manteña a esperanza dun mundo mellor e mais xusto. O Pepe de Severiano fixo a presentación e, logo do agasallo que nos diron, o grupo nomeume a min para dicer unhas verbas a veciñanza.
Un pequeno espazo no tempo
 
O mellor xeito de agradecervos este recoñecemento é falarvos dos Pinabetos lembrando algúns dos momentos que desde mediados dos 60 do pasado século forman parte da intrahistoria da sociedade pontesa. Tedes que saber que algún dos contos ou díxome-dixo, mesmo nos sorprenden a nós mesmos. Non temos ningunha intención de aclarar nada. Digamos o que digamos, a lenda continuará, e mellor deixala no seu camiño polo tempo. Nin tan sequera imos facer hoxe a nosa versión da “bamba“ que Ritchie Valens en 1958 popularizou na súa versión rock e despois con este mesmo esquema harmónico foi utilizada en cancións como “Twist and Shout”, interpretada polos  Beatles, ou como  o estribillo de “Like a Rolling Stone” de Bob Dylan. 
 
Cando pensamos que calquera tempo pasado foi mellor, estamos moi preto de deixarnos  levar pola nostalxia. Cando nos miramos, nunca vemos só aqueles tempos (mais tampouco os esquecemos). Corresponden a un pequeno espazo nas nosas vidas, aínda que puidese parecer que fosen moitos mais. Se vinte anos non son nada, estes catro ou cinco dos Pinabetos tiveron que ser intensos á forza para deixaren tanta pegada. Con toda seguridade, a nosa historia tivo un pouco de todo e o que nunca lle faltou foi intensidade, amizade e amor á musica.
 
As claves do noso pobo
 
Convén sempre situar o contexto en que se desenvolven os acontecementos para non trasladar unha idea desfigurada da realidade.
 
As Pontes a mediados dos 60 do pasado século era un pobo galego que, como todos, tiña as súas claves. Unha estrutura social e veciñal vinculada fundamentalmente na simbioses entre unha fábrica de abono, o laboreo da terra mais do gando e o comercio local. Nada era doado para a maioría da poboación e en consecuencia case todos queriamos e soñabamos cun futuro distinto. O traballo para a subsistencia ocupaba a maioría do tempo da xente e para moit@s deles o mundo era iso; os pequenos divertimentos e inquedanzas tiñan máis ben pouco espazo, aínda que non se pode negar que existían e cada cal aproveitábaos como podía. No medio de todo eses vivires e circunstancias, uns mozos entre os 15 e 17 anos decidimos facer algo diferente. Para iso tratamos de baixarnos do carro de facer sempre o mesmo e dar algúns pasos polos camiños da música como válvula de escape á cor cincenta que tanto modelaba a vida naquel entón. Nunca foi diversión en exclusiva, xa o miraredes desde a nosa perspectiva. Aquela historia ten como todas un principio.
 
Os comenzos
 
Nos baixos do Bar Rodas, si, onde estaba a bodega do bar, comezamos a soñar e a valorar as nosas posibilidades. Deixando a un lado os nosos coñecementos musicais, que se quedaban nos duns simples afeccionados, pronto chegamos á conclusión de que, economicamente, non tiñamos moitas, especialmente despois de coñecermos os prezos de guitarras, amplificadores e demais aparellos nos catálogos dalgunha casa de instrumentos musicais de Valencia. A pesar diso, seguimos soñando e comezamos a deixarnos aconsellar por algún dos que malvivía da música. Como non había ambente musical, adicámonos, cando cadraba, a xuntarnos cos vellos músicos das Pontes que se deixaban ver polos locais da movida engaiolada. Pepe Pena foi o noso primeiro mestre e máis adiante Ramón, o municipal, co que tratamos de aprender algo de solfexo e de  voces, con Artemio Formoso os diferentes ritmos; o baixo, algo de electricidade e amplificación con Nicolás; a percusión con "Sombrita" ; con Quique  e con Isauro a voz solista e a guitarra, etc.... Entre cancións, debates interminábeis, grolos de alcohol e os regresos ás nosas casas cando os galos facian concertos de balde, fómonos curtindo para aquela posibilidade ainda lonxana, que de cando en vez, remataba nunha frustración abafante. Nalgúns momentos de debilidade chegamos a poñer a proba a nosa capacidade de improvisación diante da falta de recursos económicos, trasegando viño dalgún bocoi ás nosas cuncas para sorpresa do noso anfitrión no Rodas, até que un día as contas non lle cadraron e a partires daquela, a cada hora, baixaba á adega e revisaba con teimosia os bocois cos cotenos das mans para escudriñar no nivel do viño cuns toques a ritmo de bolero; si, a improvisación sempre foi unha constante no grupo. Lembramos hoxe aquel outro propietario que nos alugou un local alá pola Rúa Pardo Bazán e que, en proba de confianza, deixaba ao noso coidado algún que outro xamón, do que íbamos dando conta aos poucos. Pagámoslle sempre o aluguer e xa que logo cumprimos coa nosa parte do contrato. Dos xamóns nada falaramos, até que el quixo facelo: “carallo rapaces!, os xamóns non entran no trato”, dixonos un día un pouco alporizado.
 
Convén acreditar que nos primeiros momentos participaba naquelas sesións moita máis xente. Sería difícil lembrar a tod@s, mais daqueles primeiros ensaios non podemos esquecernos dalgúns amigos como o showman Tolas, Cuqui Ramos e Pichi Morer. A porta sempre estaba aberta para quen tivese algo que dicir; tratábase de pasar a tarde noite nun ambente de taberna e coa música -sempre a música- como telón de fondo.
 
Todos os principios son complexos. A nosa primeira proba con algo que se parecía a unha guitarra eléctrica foi cunha pastilla axustada a unha guitarra española e un aparello de radio do que aproveitabamos o seu altofalante coa colaboración de Vidal Filgueiras. Talvez así sexamos capaces de explicarvos as condicións en que tivemos que dar os primeiros pasos que sempre tiveron moito de ilusión e escasos medios.
 
Por estas datas fixemos unha pequena actuación que pode considerarse das primeiras. Despois dalgún ensaio ás presas nun garaxe do Poboado das Veigas, subimos ao palco da Praza de América nun descanso da orquestra. Naquela ocasión fomos presentados como The Genets, que en tradución libre do francés significaba “Os Toxos”. Antes de que o inglés entrase nas nosas vidas, co metodo “lorito” e deixando de lado calquer academicismo oficial, a influencia era francesa.
 
Logo veu a selección natural para formar o grupo. Catro integrantes fomos os que demos o paso e os que buscamos un nome: Os Pinabetos. Unha escolla despois dun concurso de ideas baixo a batuta de Novás, o noso asesor en historia musical pontesa. Segundo el, esta escomezara nos Petapouco do Chivirido e logo seguíra cos músicos populares das bandas, orquestras e os gaiteiros. Na nosa denominación mestúranse a influencia inglesa dos Beatles e os Rolling e o desexo de vinculación á terra, á nosa terra, tomando o nome dunha especie arbórea moi presente no territorio que pisabamos.
 
O noso equipamento de saída está formado por restos das orquestras actuantes nas Pontes, ás que mercamos algún material (batería por dicir algo, tapizada en veludo  polo pai de Santi con moita profesionalidade e cun chaston que parecía a torre de Pisa) e as primeiras guitarras e amplificadores, o máis barato e cunha calidade máis que discutíbel (mais era o que había). Todo o relacionado coa voz tardaría en chegar. De momento  serviamonos de empréstimos e do aluguer. Nada estaba planificado e, segundo ían saíndo as actuacións, nós fumos facendo camiño pola vida alternado todas estas modalidades. Chegamos a pintar as guitarras no taller de chapistería do Rego do Muíño para aparentar que eran novas. Nalgunhas ocasións gozamos do luxo de repoñer os cordames dos instrumentos e afinalos cun bo guitarrista descoñecido para a maioría dos ponteses, Pepito Ramos, que nos ofreceu a súa colaboración desinteresada. Acudiamos ao empréstimos persoais e aos microcretos para financiar a nosa bohemia. Toxeiro, o empresario (hoxe a súa familia é a que ten a propiedade dos Gadis) , no seu momento  emprestounos 25.000 ptas das de entón. Non podemos tampouco esquecer tantos amigos que na escola de aprendices de Calvo Sotelo ou no instituto Pardo Bazán colaboraron naquela aventura coas súas pequenas mais definitivas a chegas. Non caemos na conta que outra familia cunha orixe pontesa como a da Estrella de Galicia tiña posibilidades de axudarnos mais non fumos quen de exercer como "influencers" seguramente porque, ainda que vivíamos como galegos, éramos mais do viño do Ribeiro que da cervexa. Máis tarde, por necesidades instrumentais tivemos  que pedir na casa que nos avalasen os nosos pais un importe de 100.000 pesetas para asinar unhas letras cunha casa musical da Coruña. Case nos botan fóra.
 
A necesidade de abrir portas 
 
Logo do Rodas, veu A Cepa e mais adiante o Lar, o Avenida, o Trastoi e logo un pequeno local na Casilla. Eramos como nómadas. De cada un daqueles locais gardamos un especial recordo, mais talvez A Cepa foi durante todo ese tempo un punto de encontro aberto a calquera participación e ás causas máis nobres e tolas  que poidades imaxinar. Por exemplo: aquela vez que viñeron uns yankis da base americana que houbo en Bares, todos eles moi loiros, con moita fachenda e créndose moi listos; vendémoslles  un elixir con propiedades máxicas coa etiqueta de imitación auténtica e de regalo unhas zocas da feira para levar de volta aos EEUU. No Trastoi, o noso club privado, mantivemos co propietario e familia unha relación contractual de beneficio mutuo durante a estadía dos Pinabetos na música; sempre estabamos en disposición tanto para animar aquelas noites de bailongos ben apretadiños como para calquera voda ou evento surrealista. No Lar chegamos a despedir a moitos xubilados de Calvo Sotelo por un importe de 5000 pesetas a sesión e, aínda que eles non entendían que pintabamos nosoutros alí, convén dicir que nós, tampouco. Para eles era unha despedida moi pouco oficial e con moito ruxe–ruxe. No Avenida, escomezamos a especializarnos en vodas de tal xeito que chegamos a vestirnos de smóking para non desmerecer e non porque o dono Antonio, esixise tal cousa, senón porque xa nos podiamos permitir luxos bizantinos. A Casilla -entre o Trastoi e un pequeno local fixo que alugamos ao amigo "Cedeira" (no que tivemos  que mercar uns zapatos que nos prepararon con moita goma no fondo para evitar os calambrazos e onde o instrumental estaba levitando uns 15 cm para que cando chovía todo permanecese no seu sitio e non navegase á deriva- foi o noso barrio de residencia e onde compuxemos o noso tema “A chave” en homenaxe a tod@s os que pasan grande parte da súa vida na procura dunha porta de saída ás súas desgrazas, aínda que ao interpretala parecese un xogo sensual entre unha parella de amantes.
 
Hai quen ten a creenza -e é verdade- que un bo músico é capaz de facer música con calquera cousa. Mais non é menos verdade que cun pouco de coñecemento, unhas pingas de arte e bo material non é tan difícil manexarse neste mundo da música para que a xente poida divertirse. Outra cousa é o profesionalismo, o divismo, o triunfo e o mercadeo nesta actividade. Así o fomos mirando e aprendendo. Nunca os nosos soños  foron moito máis aló da amizade, do divertimento e de facerlle fronte ás débedas contraídas. Sabiamos en todo momento o que había e non nos enganabamos nin o faciamos con ninguén no referente á música. Aínda que a nosa disciplina era a mínima posíbel, puidemos máis adiante gozar un pouco desta actividade e aos poucos a axenda de actuacións foise agrandando e comezamos a saír das Pontes. Xa tiñamos un repertorio para varias horas e defendíamolo en calquera lugar a onde nos levasen, con maior ou pior fortuna. E chamabanos e aquí atopamos para contalo sen traumas nin lesións. Non imos entrar a enumerar todos e cada un dos sitios en que actuamos, mais si lembraremos algunha anécdota moi de pasada coa intención de que a lenda continúe.
 
Do Balneario de Guitriz ao Perla de Perlio
 
Nun certo momento daquel camiñar, fixamos residencia no Balneario de Guitiriz. Cada quince días tiñamos asegurado o noso pase nunhas condicións vantaxosas. As nosas actuacións ían encamiñadas a relaxar os residentes, os quintos que facían o campamento de Parga e a chavalaría ou xente con gañas de carallada da redonda. Deixamos aquel “choio” por unha oferta na cidade de Ferrol, na Malata, na Feira de Mostras. Debutamos un dia de ano vello por unhas 30.000 ptas da época e experimentamos cunha nova voz solista feminina que non resultou. Do mesmo xeito, tampouco o fixo unha representación, aparentemente mais profesionalizada que a de épocas anteriores que era exercida polos amigos ou por nós mesmos. No Viveiró, fixémonos amigos para sempre da garda civil de Muras e soados foron os confrontos que tiñámos cando viñamos de volta na compaña daquela parella de verde dende o salón de baile, que aínda tiña lumieiras de carburo e había que esperar até que rematasen de muxir as vacas para principiar a actuación. De política non se podía falar, xogar o "chinchimonis" con eles tampouco por que sempre estaban sen blanca e obrigaban a lévalos con dereito a "todo incluido" e só quedaba por comprobar, pola nosa banda, se quen ten cú, ten medo. Nunha daquelas víaxes, baixando pola Gañidoira, acreditamos que era certo facendolles algunha "xogada" de supeto cos ferregachos da música. Nas festas de Baroncelle aló por terras mindonienses  estreamos un xogo de luces no palco da música, deseñado por algún estudantado da Universidade laboral de Xixón que facía conter a respiración tanto á xente como a nos mesmos, aínda que por razóns diferentes: a eles polo susto de tanta luz de cores e a nós polo cheiro a pintura das lumieiras cando se quentaban. Nunha romaría no Concello das Somozas cando tivemos que tocar obrigatoriamente nunha procesión arredor dunha capela ou non facian a festa. Na romería da Fraga, na nosa localidade, saimos con vestimenta de deseño de Unicen con pantalóns de raso e camisas florais e logo de rematar a actuación quixemos celebralo toda a noite no toldo do "Mártir do Caxado" que fixera naquela ocasión unha revolución de prezos e deixamos os instrumentos ao ar durante varios días para que a mocidade gozase deles. Negociabamos os contratos por teléfono desde a centralita telefónica do Poboado das Veigas,( atendida por Pilarita da Lisca). Concretamente, un de Espasante, merece un recordatorio, o dono do local da festa quería rebaixar o noso "caché" e nosoutros só quixemos negociar a posibilidade de máis "gogós" . No Tamanaco de Vilalba con algunha das sobriñas de Fraga Iribarne de fans e  dispostas para algunha muiñada.  Noutra ocasión tivemos que entrar nas Pontes pola Vila procedentes do Val de Xestoso.Viñemos  nun remolque cheo de palla tirado por un tractor. O asunto  deu moito que falar, ainda que a verdade  foi diferente ao que algúns fixeron circular.O chofer da furgoneta que nos foi buscar ás 4 da mañá ao cruce da pista coa estrada que vai a Momán  cansou de esperar por nós, que aínda seguiamos de festa e como deron as tres , as catro, as cinco e as seis, ficamos sen  posibilidade de transporte,e houbo que viaxar daquel xeito porque xa eran as 8 da mañá e  Toñito Cortiñas “ O Moreno” tiña que coller o coche de liña para facer unha proba para entrar a traballar nunha compañía de Astano.  Chegou a tempo e xa non deixou de soldar ata a súa xubilación. Ou  cando, case no remate do noso camiñar pola música,  estivemos a piques de  facer un cruceiro nun barco a vela por todo ou parte do Mundo, patrocinado polo dono da fábrica dos bolígrafos BIC, nunha proposta que nos chegou desde Suíza e que consistía na convivencia con xente doutras latitudes -tamén algo “tolas” disque-,  onde tiñamos que nos comportar tal e como eramos para ver as nosas reaccións físicas e psicológicas, nesa contorna. Ou cando cambiamos o nome a Xeneración 2000 con ocasión dunha actuación na sala Perla de Perlío pensando que precisabamos dun xiro no que viñamos facendo e estivemos a piques de perder a nosa maneira de ser e de estar. Menos mal que o público sempre ten a razón e cando saímos con aquel nome ao cenario escoitamos un berro que nos chegou ao corazón e que nos fixo entender que a única posibilidade que tiñamos de seguir para diante era dicindo “Que vivan Os Pinabetos!. 
 
A música como medio de expresión
 
As Pontes é terra de moitas cousas, sen dúbida entre elas tamén de música e de músic@s. Rematamos de falar de divertimento e tamén de amor e de ilusións. As nosas xa se cumpriron neste apartado, mais gostaríamos que algúns mozos ou mozas que hoxe están a escoitarnos e sintan a necesidade de expresar aquilo que teñen nos adentros, mesmo estudando ou de xeito autodidacta, den un paso adiante e que confíen na música como medio de expresión. Xa mirarán como as súas vidas terán máis cor.  
 
Aló vai a despedida
 
En fin, amigos e amigas, aló vai a despedida. Grazas de novo polo voso afecto. Quixeramos corresponder dalgún xeito nesta festa da música. Agradecemos que nos volverades a xuntar entre nós e con vós, xa que nalgúns casos hai moito tempo que non fora posíbel; e agradecemos que deixedes aberta a posibilidade de facelo con música en directo, se se presenta algunha ocasión máis adiante aquí nas Pontes. 

Os pinabetos
Os pinabetos | Fonte: Fermin Paz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.