Posta en valor dos achados romanos na Illa de Ons, que testemuñan a súa ocupación hai 20 séculos

A actuación realizada no areal de Canexol, centrouse en profundar no seu pasado, posto que se sabía da presenza nesta zona dunha fábrica de salgadura de fai uns 2.000 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pon en valor os achados da época romana na Illa de Ons, realizados no marco dun proxecto de investigación, estudo e escavación arqueolóxica durante todo o pasado ano.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou este mércores o enclave xunto ao director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e o investigador do Grupo de Estudo de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández.

"Realizouse un gran traballo, a través de dúas intervencións, o que nos permite confirmar a ocupación humana da Illa de Ons fai vinte séculos e tamén o modo de vida dos seus habitantes, polo que damos un paso máis no descubrimento da súa historia e, ademais, pretendemos continuar con esta liña de traballo para seguir póndoo en valor", dixo o representante autonómico.

Esta actuación, impulsada pola Xunta en colaboración coa Universidade de Vigo, consistiu en senllas intervencións na praia de Canexol e no Castro do Castelo dos Mouros, e vai ter continuidade, antes do verán, cunha terceira incursión no mesmo castro, coa que se pretende exhumar máis superficie e descubrir novos achados.

En canto á actuación realizada no areal de Canexol, centrouse en profundar no seu pasado, posto que se sabía da presenza nesta zona dunha fábrica de salgadura de fai uns 2.000 anos. Ao amparo dos traballos realizados, apareceu un conxunto industrial romano completo vinculado ao sector do mar, que ten un gran valor patrimonial no ámbito de toda a Península Ibérica.

No Castro do Castelo dos Mouros acometeuse unha intervención por vez primeira na historia, xa que se apuntaba á existencia dun asentamento poboacional. No marco da mesma descubríronse estruturas residenciais e moitos utensilios, aparellos e mesmo moedas, o que confirma a presenza humana nesta zona da illa na época romana.

Visita ás escavacións arqueolóxicas na Illa de Ons.. XUNTA
Visita ás escavacións arqueolóxicas na Illa de Ons.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta